O presidente provincial salienta a combinación dos fondos do Plan Extra e o +Provincia para executar un proxecto estratéxico e transformador valorado en 550.000€
A colaboración prevista para este ano do organismo provincial co Concello de Salvaterra de Miño a través dos plans de Cooperación supera os 1,7 millóns de euros
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración co alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, para a recuperación do espazo para uso peonil na Ermida de San Roque en Cabreira. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Valcárcel selaron un acordo a través do cal o organismo provincial financia a totalidade dos máis de 553.000 euros dos que está valorada a obra cunha achega de 415.200€ a través do Plan Extra e co aporte de 138.400€ para cubrir a parte correspondente do Concello a través do Plan +Provincia. Un apoio que, segundo sinalou o mandatario provincial, permitirá recuperar para a veciñanza un espazo de alto valor.
A actuación céntrase no núcleo de Cabreira que presenta a necesidade de humanizar os espazos para que o peón gañe protagonismo, aumentar o espazo peonil, reducir emisións de dióxido de carbono e demoler o firme existente para a construción dun novo cunha anchura continua e axeitada. Con estes obxectivos, deseñouse un proxecto que propón a seguinte solución: Creación dunha plataforma única, ampliación do espazo peonil procurando un ancho mínimo para o peón de 2,50 m, mellora da eficiencia enerxética mediante a substitución das luminarias actuais por novas de tecnoloxía LED, renovación das tubaxes de saneamento e abastecemento, o soterramento de liñas de telecomunicacións e baixa tensión e a instalación de novas tubaxes de alumeado público; e colocación de mobiliario urbano composto por bancos e xardineiras e sinalización horizontal e vertical.
A colaboración da Deputación co Concello de Salvaterra de Miño non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial máis arredor de 1,73M€ a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.