HomePontevedraBaixo MiñoO PP do Rosal denuncia o mal estado dos parques infantís e...

O PP do Rosal denuncia o mal estado dos parques infantís e biosaudables do municipio e reclama o seu arranxo inmediato para corrixir as súas eivas de seguridade

- Anuncio -spot_img

● Os populares revelaron que estas instalacións de lecer, utilizadas principalmente polos cativos, presentan numerosas fendas, ferruxe e madeiras rotas, polo que advirten de que hai risco de accidente


● “Os parques están en moi malas condicións, que ademais non son dun día para outro, o que confirma que o goberno bipartito pasa totalmente deles malia ser un servizo básico e moi utilizado”, di Carlos Rodríguez

O grupo municipal do PP do Rosal vén de denunciar o mal estado no que se atopan os parques infantís e os espazos biosaudables do concello, polo que reclama o seu arranxo inmediato tanto para mellorar a súa empregabilidade por parte dos usuarios como para corrixir as eivas de seguridade que presentan estas instalacións.
“Practicamente todos os parques do Rosal están en moi malas condicións, que ademais non é algo que suceda dun día para outro, polo que se confirma que o goberno bipartito pasa totalmente deles e non lle prestou nin a máis mínima atención en anos malia ser un servizo básico e moi utilizado. Polo tanto, agardamos que os poñan en condicións canto antes”, manifestou o voceiro municipal, Carlos Rodríguez.

Os populares revelaron que estas instalacións presentan moitas deficiencias e un avanzado estado de deterioro, xa que teñen numerosas fendas no seu pavimento e algunhas delas son de grandes dimensións, contan con numerosos elementos de xogo parcheados a modo chapuceiro, padecen de ferruxe en moitos puntos, sofren da presenza de bastantes madeiras e piares totalmente rotos ou desfeitos e, nalgún caso, os distintos materiais ata intentan disimular o seu mal estado con cinta illante.
“As condicións dos parques infantís, que son empregados polos cativos, pero tamén dos espazos biosaudables son de completo abandono e cunha situación que pode ocasionar feridas, lesións ou algún accidente, xa que a seguridade destas instalacións está abandonada a súa sorte”, lamentou o concelleiro do PP, que ademais engadiu que o seu estado “non se corresponde co que debería ter unha instalación pública, que ademais é fundamental para o tempo de lecer e esparcemento da veciñanza, e moito menos nun concello da categoría do Rosal se o Concello xestionase axeitadamente os servizos e non estivese perdendo o tempo ou desaparecido”.

Publicacións Relacionadas