HomeVigoNigránO concello de Nigrán autoriza 85 fogueiras de San Xoan

O concello de Nigrán autoriza 85 fogueiras de San Xoan

- Anuncio -spot_img

As únicas permitidas na praia son as dúas grandes de Panxón que históricamente confecciona o Concello e a Comisión de Festas, non está permitido facer cacharelas nos areais, cuestión que será vixiada e sancionada

Por primeira vez participa no dispositivo de seguridade a Unidade de Mando Avanzado (UMA) da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), que se suma aos drons do equipo Pegaso da Guardia Civil

Vixiarán que non se acceda á praia con ferramentas ou leña e que non se fagan buratos ou cacharelas baixo risco de sancións que oscilan de leves a moi graves, tal e como advirte o Concello na campaña municipal #SanXoanSenLixo

O Concello de Nigrán autorizou 85 fogueiras a particulares e asociacións veciñais para celebrar a noite de San Xoan, cifra que ronda a media de tódolos anos, estando terminantemente prohibido realizar cacharelas nas praias. Neste sentido, as únicas permitidas nos areais son as dúas grandes de Panxón que históricamente confecciona o Concello e a Comisión de Festas con motivo da celebración do patrón desta parroquia.

O Concello de Nigrán disporá dun dispositivo de vixiancia sen precendentes na historia co obxectivo de que a festa da noite do 23 ao 24 de xullo non afecte ao ecosistema natural de Panxón e Praia América. Así, ao despregamento record de 2024 engadirase este ano por vez primeira a Unidade de Mando Avanzado (UMA) da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) para unir forzas nas labores de vixianza dos accesos á praia (concretamente, que non se entre con pás, leña ou ferramentas para facer buratos). Na práctica, suporá que aos drons do equipo Pegaso da Guardia Civil estreados no 2024 se sumarán desde o mediodía outras 7 cámaras móbiles por todo o areal e un dron cautivo que reproducirán imaxes en directo para este posto de mando especial integrado por efectivos dos diferentes corpos de seguridade. “Non só reproducirán as imaxes, se non que se poderán almacear para identificar a posteriori aos posibles infractores”, advirte o xefe da Policía Local, Teodoro de la Peña.

En total, vixiarán coordinadamente o areal preto de 200 persoas repartidas entre o persoal ao completo de Policía Local e Protección Civil, Guardia Civil (incluída a unidade de drons do equipo Pegaso) Guardia Civil de Tráfico, Seprona, Policía Nacional e Autonómica e a UMA. Este dispositivo, que arrancará ao mediodía do luns 23, inclúe un hospital de campaña nas pistas deportivas de Gaifar con persoal contratado desde o Concello e o Punto Lila para posibles casos de violencia sexual contra as mulleres de 18:00 a 02:00 horas. Por outra banda, a saída de autobuses públicos de regreso a Vigo comezará ás 6:00 horas desde o faro de Gaifar.

O incumprimento das medidas de protección acarrexa sancións que oscilan de leve a moi grave, porque poderían comprender desde á alteración do ecosistema litoral ata unha infracción da lei de seguridade cidadá (todo contemplado no Plan de Conservación do Concello de Nigrán, Ley 42/2007 de Patrimonio Natural y la biodiversidad y Decreto 9/2014 de Conservación da Píllara das dunas, ademáis de existir un Bando Municipal específico ao respecto).

“O ano pasado o Concello demostrou que se pode facer unha gran celebración sen afectar ao ecosistema natural, que non está reñido, e non pode haber nin un paso atrás. Estamos a crear unha nova conciencia social ao respecto da festa de San Xoan, tanto que estamos seguros de que nuns anos nin sequera fará falta realizar a campaña #SanXoanSenLixo”, sinala o alcalde, Juan González, en referencia á cartalería, cuñas en radio e publicidade que apela á cidadanía a facer unha festa responsable. Neste sentido, novamente estará operativo un equipo de concienciación ambiental a pé de praia recordando aos asistentes as obrigas que conleva o respecto dun espazo natural (mensaxe que se repetirá tamén por megafonía). Eles mesmos entregaranlle aos diferentes grupos sacos para que depositen o seu lixo nos contedores habilitados nos accesos. “Realmente, o importante é que os asistentes saiban con anterioridade que o día de San Xoan non van poder acceder á praia con pás, sachos, leña ou material contundente, polo que pedimos a colaboración de toda a veciñanza na difusión da mensaxe”, incide González.

“Levamos anos cunha campaña de concienciación pioneira e que inicialmente funcionou co tema do lixo, pero era preciso frear o tema dos buratos e as fogatas, por iso chegamos a este punto. Confiamos en que a xente está cada vez máis comprometida co medio ambiente e isto inclúe tamén aos océanos. Praia América é un dos máximos orgullos de Nigrán e é responsabilidade de todos preservala, por iso temos que tomar estas medidas de sentido común que só piden facer ben a festa”, conclúe o rexedor.

Publicacións Relacionadas