Rapazada de 33 concellos da provincia asistirá ao campamento durante sete días, gozando dun completo programa de actividades socioculturais
A Deputación de Pontevedra bota a andar este domingo a nova edición dos Campamentos A Lanzada de verán, cunha primeira quenda na que participarán 140 nenos e nenas procedentes de 33 concellos da provincia. A rapazada asistirá durante sete xornadas a un completo programa de actividades de carácter educativo, cultural, deportivo e formativo que contribuirán ao seu enriquecemento persoal.
Nesta primeira quenda dos Campamentos A Lanzada da Deputación participarán nenos de Bueu (1), Caldas de Reis (1), Cambados (3), Cangas do Morrazo (6), Catoira (4), Cuntis (1), Gondomar (7), O Grove (2), A Guarda (4), Lalín (2), Marín (2), Meaño (1), Moaña (3), Oia (2), Pazos de Borbén (4), Poio (5), Ponte Caldelas (3), Ponteareas (12), Pontevedra (17), O Porriño (7), Portas (1), Redondela (3), Ribadumia (3), O Rosal (2), Salceda de Caselas (3), Salvaterra de Miño (3), Silleda (5), Soutomaior (4), Tomiño (4), Vigo (12), Vilaboa (3), Vilagarcía de Arousa (5) e Vilanova de Arousa (5).
Este ano os campamentos celebraranse entre o 22 de xuño e o 6 de setembro e distribuiranse en once quendas de 140 participantes e sete días de duración cada unha (de domingo a sábado). Participarán un total de 1.540 mozas e mozos empadroados nalgúns dos concellos da provincia e nados entre os anos 2012 e 2017 (incluídos), sendo 210 prazas reservadas para menores en situación ou risco de exclusión social.
No Centro de Vacacións da Lanzada, emprazado en San Vicente do Mar (O Grove), a rapazada poderá desfrutar dun completo programa de actividades nas que salientan as deportivas, que terán lugar tanto no campamento (deportes alternativos, tiro con arco, orientación, carreira de obstáculos) como na praia (bodyboard, snorkel ou xogos de praia). Tamén desfrutarán de actividades artísticas, científicas, en lingua inglesa, nocturnas, de coñecemento do medio, teatro e contacontos, baile e actividades culturais e realizarán excursións a lugares como a illa de Ons.