A Xunta de Goberno acaba de aprobar a modificación das bases reguladoras das convocatorias dos programas de Acción Comunitaria para seguir avanzando no compromiso da Deputación co movemento veciñal da provincia
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a modificación das bases reguladoras das convocatorias de subvencións dos programas de Acción Comunitaria, que incrementan o seu orzamento un 112% con respecto ao previsto inicialmente. Luis López subliña o firme compromiso do organismo provincial co movemento veciñal ao que, con esta modificación, destinará este ano 5 millóns de euros.
“Temos pasado dos 2.450.000 euros aos 5 millóns para atender ao inmenso volume de peticións que estamos a ter do movemento asociativo e veciñal da provincia de Pontevedra”, enxalzou o presidente provincial. López recordou que este movemento “levaba oito anos abandonado” e que na primeira convocatoria dos programas de Acción Comunitaria rexistrouse “unha excelente acollida que nos animou a dar agora este paso cara adiante”. Ao respecto, engadiu que “somos un goberno que escoitamos as demandas da xente, que as entendemos e as atendemos, impulsando programas e sumando cada vez máis recursos para mellorar a vida da nosa veciñanza”.
Estes 5 millóns de euros repartiranse, tal e como explicou o presidente, en 2,35 millóns para que as asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais melloren os seus locais e equipamento a través do plan Provincia Comunitaria; en outros 2,35 millóns de euros para que as comunidades de usuarios de augas melloren as súas infraestruturas a través do plan +Aqua; e en 300.000 € para legalizar traídas de augas a través do novo plan Novaqua, posto en marcha este ano 2025.