O Concello de Ponteareas celebrou un dos actos máis emotivos de Corpus Christi, o da ofrenda floral in memorian ás e aos alfombreiros finados e a posterior entrega de medallas de Corpus Christi.
As voceiras e voceiros da Corporación de Ponteareas entregaron nun acto presidido pola alcaldesa Nava Castro e o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, dezanove medallas que simbolizan a incrible aportación das e dos alfombreiros a Ponteareas.
“Sen eles non seríamos o que somos, non teríamos os recoñecementos que temos, non protagonizaríamos portadas de xornais nin reportaxes de televisión ou dixitais.
Unha medalla é símbolo dunha importante contribución, e dun servizo extraordinario. O da defensa do patrimonio inmaterial do Corpus Christi de Ponteareas é moito máis ca isto. É a pervivencia no tempo dunha tradición, duns coñecementos, dun signo de identidade, dunha celebración que cada ano atrae a milleiros de persoas beneficiando a todos os sectores da vila”, salientou a alcaldesa na súa intervención.
O tenente de alcalde, Juan Carlos González, abría un acto no que homenaxearon a Carmen Pérez Pardo, “Pequecha”, que naceu na rúa Real e dende pequeniña foi alfombreira primeiro na rúa Real, logo na rúa dos Ferreiros cando casou con Segundo Couñago Bautista, xogador do club de Fútbol Pontevedra e logo xa na Praza Maior ata hoxe. “Pequecha” foi unha alfombreira de libro e contribuiu non só nos tramos nos que traballou tamén foi a encargada de organizar aos cativos e cativas. Apaixoada das tradicións gústalle o baile galego e foi unha persoa moi activa e moi servicial, esencial para prolongar as tradicións e festividades locais.
Non é unha simple entrega, é unha entrega de corazón. Como ponteareán dígovos que é un acto que me enche de emoción e que me leva á miña infancia porque me fai recordar o importante que fóstedes e que seguidos sendo para que cada ano celebremos e recibamos xente de todo o mundo”, sinalou Juan Carlos González.
Esta edición de entrega de medallas incluíu unha novidade, a do recoñecemento dos tramos que sen ser aínda recoñecidos como “medallistas” contribúen e forman parte do percorrido de alfombras de flores. E así entregáronse os diplomas aos tramos alfombreiros confeccionados por ADAPTA. Avelaíña Saúde Mental, CRA A Picaraña, Escola de Arte, Concello de Monçao, ONCE, e Alfonso Pexegueiro que regalou un dos seus deseños para convertelo en tapiz floral materializado polo alumnado do programa de emprego Compromiso Xuvenil.
No acto celebrado no auditorio municipal Reveriano Soutullo recibiron medallas Nestor Riquelme Toste de La Orotava; Ruth Boente do tramo da praza Bugallal; Isabel García, da rúa Oriente, Dolores Amil do 1º tramo da Praza Maior; Mª del Carmen Pérez do 2º tramo da Praza Maior; Alfonso Gil do cruceiro de San Gregorio; Fátima Morón da rúa dos Ferreiros-ANPA Pena do Equilibrio; Rosa Mª Martínez do 1º tramo dos Ferreiros; José Alberto Rodríguez de Ferreiros-San Roque; Manuel Porto de Fernández Vega- Fonte do Baratillo; Ángel Campos da rúa Doctor Fernández Vega; Carmen Guisande de Arco da Vella-Doctor Fernández Vega; Sergio González do Cantón de Boavista; Mª Isabel Pita de Reveriano Soutullo-A Castiñeira; Mª Carmen Boo de Reveriano Soutullo-Arcos; Carmen Tellado de Reveriano Soutullo-Prado; Adrián Carballo de Reveriano Soutullo-As Monxas; Alejandro Cambra de Reveriano Soutullo e Mª del Pilar Mouriño da rúa Constitución.
O Concello de Ponteareas pecha así a edición 2025 de Corpus Christi seguida por milleiros de visitantes e por moitos medios de comunicación que este ano incorporou novidades como a colocación dunha pantalla xigante para seguir a misa, a procesión e a elaboración das alfombras captadas coa instalación de cámaras nocturnas. Tamén contou coa participación das delegacións estranxeiras de Arcos de Valdevez, Camiña, Melgaço, Monçao, Viana do Castelo e freguessía de Alvaraes.
Outra das novidades chegou en forma de nariz de ouro ao contar con David Gigirey que visitou os portais e participou na procesión para captar todos os aromas de Corpus Christi e trasladalos a un perfume.
A Worshipful Company de Reino Unido coñeceu de preto a actividade dos portais e o traballo detrás de cada alfombra de flores e o embaixador e o cónsul de Malta tamén. Un ano máis o premiado experto en arte floral impartíu un obradoiro gratuíto para a cidadanía e engalanou a Casa do Concello e Artistea.
O Corpus Christi de Ponteareas medra e camiña rumbo ao recoñecemento da UNESCO que saberá apreciar o talento das e dos alfombreiros.