- O DOG publica hoxe as bases da convocatoria das tres categorías destes galardóns: Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e as tres Bolsas Eloy Gesto
- As candidaturas poderanse presentar entre o 15 e o 26 de setembro de 2025, de xeito exclusivamente telemático para as categorías Traxectoria e Bolsa Eloy Gesto e presencialmente no caso do Premio Artesanía de Galicia
- Os Premios Artesanía de Galicia teñen como obxectivo principal recoñecer e visibilizar o traballo do sector divulgando os seus oficios, incentivando aos novos talentos promovendo a remuda xeracional e apostar pola introdución da innovación
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos Premios Artesanía de Galicia 2025, nos que destaca a aposta pola profesionalización do sector e a formación contínua de artesáns que teñan ata 45 anos de idade – con tres premios na categoría Bolsa Eloy Gesto – e o recoñecemento da creatividade e da mestría do sector artesán galego, a través das categorías Premio Artesanía de Galicia e Premio Traxectoria, respectivamente. En total destinaranse 21.000€, 9.000€ para o Premio Artesanía de Galicia e 4.000€ para investir en formación en cada unha das Bolsas Eloy Gesto.
O prazo de presentación de candidaturas comeza o luns 15 de setembro e remata o venres 26 de setembro ás 14,30 horas. Como en anos anteriores, as candidaturas presentaranse de xeito exclusivamente telemático no caso das categorías Traxectoria e Bolsa Eloy Gesto, e de maneira presencial – na sede da Fundación Artesanía de Galicia, en Santiago de Compostela – no caso do Premio Artesanía de Galicia.
Premios Artesanía de Galicia 2025: talento, traxectoria e futuro do sector
O Premio Artesanía de Galicia 2025, dotado con 9.000 euros, está dirixido a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e premiarase a obra con liñas para unha artesanía competitiva no mercado actual como o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación e a boa calidade da obra.
O Premio Traxectoria 2025, de carácter honorífico, será outorgado a proposta do propio sector artesanal. O fin é recoñecer a traxectoria consolidada dun profesional da artesanía galega, a súa contribución á posta en valor e á promoción da nosa artesanía, a calidade do seu traballo así coma o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía. O galardón está dirixido a artesáns en activo ou retirados que estean ou estiveran inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos.
Os Premios Artesanía de Galicia fan especial fincapé na incorporación dos artesáns máis novos co apoio á súa formación especializada coa categoría Bolsas Eloy Gesto, que poderán premiar ata tres candidaturas e estarán dotadas de 4.000 euros cada unha para investir nun centro de formación de prestixio. Nesta categoría, a Xunta busca potenciar a remuda xeracional no sector, o acceso de novos talentos á artesanía e a súa profesionalización, e poderá participar calquera artesá menor de 45 anos. Premiaranse as candidaturas que presenten unha proposta para a súa formación nun centro ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e do deseño. Valorarase o carácter innovador dos proxectos, a transferencia de coñecemento que se busca con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo das persoas candidatas e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador.
Premiados na edición 2024
O Premio Artesanía de Galicia 2024 outorgóuselle á cesteira Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica (O Porriño) pola súa obra Periferia #01, unha peza que supón a redefinición dunha cesta exenta do seu contexto tradicional e funcional para atopar un obxecto cheo de oportunidades estéticas. O Premio Traxectoria 2024 foi para Albino Quinteiro, artesán especializado no téxtil, investigador, docente e divulgador dos oficios artesanais e da artesanía de Galicia, pola súa dilatada traxectoria e compromiso coa conservación, coa recuperación e coa transmisión pedagóxica dos oficios e técnicas artesanais vinculados aos oficios téxtiles e a artesanía de Galicia. As Bolsas Eloy Gesto foron para a xoieira Carla Souto (Culleredo) para ampliar a súa formación na escola Van Cleef&Arpels de París; Mónica Bastón, de Leónlagata (Sanxenxo), especializada en xoiería cerámica, para formarse en soprado de vidro de borosilicato na Escola Barcelona Glass Studio; e Santiago Besteiro (Monterroso), especializado no traballo no coiro, para formarse na técnica do lacado xaponés con urushi coa especialista Joana Vilalta, no Pirineo catalán.