HomePontevedraPoioO BNG de Poio denuncia deficiencias na rehabilitación da Casa Barroca de...

O BNG de Poio denuncia deficiencias na rehabilitación da Casa Barroca de Combarro e esixe respostas ao Concello       

- Anuncio -spot_img

Marga Caldas alerta que nas obras estase a utilizar formigón no canto de materiais nobres e insta ao persoal técnico municipal a emitir informe para aclarar a situación

O BNG de Poio vén de realizar unha grave denuncia na Comisión de Patrimonio, onde alertou sobre posibles deficiencias detectadas na obra de rehabilitación que están a levar a cabo o Concello e a Deputación na Casa Barroca de Combarro, edificio histórico e emblemático na localidade.

Segundo as nacionalistas, a intervención incluíu a substitución dunha viga de madeira orixinal por outra de formigón, un material que de maneira xenérica contravén as normativas xerais do departamento autonómico de Patrimonio, que propón o uso de materiais nobres. Esa normativa establece que nos inmobles nos centros históricos protexidos, como é o caso do edificio en cuestión, débense seguir os ditames do Plan Especial específico que regula a rehabilitación e conservación.

Ante isto, a responsable do BNG Marga Caldas solicitou formalmente que o persoal técnico municipal informe sobre a situación, salientando que o seguimento e control da obra de Combarro está delegado no Concello, por ter a competencia exclusiva sobre o cumprimento do Plan Especial.

“É fundamental que se respecten as normativas de protección do patrimonio histórico. Entendemos que a utilización de certos materiais pode comprometer a integridade e autenticidade do edificio, polo que é fundamental que se aclare a situación”, afirmou a voceira municipal, que amosou a súa esperanza de que se trate dunha intervención que se poida corrixir, xa que as obras aínda están en marcha.

A nacionalista subliña que o coidado máximo do patrimonio é esencial non só para preservar a historia e a cultura da localidade, senón tamén para garantir o desenvolvemento sostible e a valorización da súa identidade. Sinala que normativa sobre Patrimonio Cultural busca protexer a herdanza arquitectónica e asegurar que as intervencións nestes espazos se realizan de maneira responsable e respectuosa, utilizando técnicas e materiais acordes aos valores históricos, algo que nestes momentos das obras “parece que non está a cumprirse na Casa Barroca”.

Caldas subliña que é preciso que o Concello realice unha supervisión rigorosa das obras de rehabilitación e escoite ás persoas expertas sobre reformas en centros históricos como o de Combarro para evitar erros que poidan resultar irreparables.

Publicacións Relacionadas