O deputado provincial Javier Tourís visitou hoxe o concello, onde anunciou que a actuación estará financiada integramente con recursos do Plan +Provincia que se aprobarán na Xunta de Goberno deste venres
deputado provincial Javier Tourís acaba de realizar unha visita a Vilagarcía de Arousa, onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar a humanización da rúa Bouza de Abaixo, en Vilaxoán. A Xunta de Goberno aprobará este venres unha achega de preto 776.000 euros para impulsar esta actuación con recursos procedentes da liña 1 do Plan +Provincia. Nesta anualidade, o plan destina á vila un total de 1.482.718 € e, no caso da liña 1 de investimentos, preto de 1.037.902 €.
O deputado deu conta dos traballos que Vilagarcía de Arousa levará a cabo con estes fondos provinciais e que permitirán a reforma integral da rúa Bouza de Abaixo, a cal atravesa o casco histórico de Vilaxoán. A rúa actualmente está marcada pola pendente e as diferentes alturas nas entradas das vivendas unifamiliares tradicionais e dos garaxes, polo que se resolve o seu acceso mediante chanzos, mentres que os pavimentos e beirarrúas presentan un mal estado de conservación. A actuación tamén incluirá a rúa adxacente Avelina Nogueira, na que a pavimentación de pedra está especialmente deteriorada no cruce coa rúa Alfredo Saralegui. O obxectivo principal da actuación non só é mellorar o aspecto desta zona, senón tamén dar prioridade aos peóns, limitando o acceso a vehículos autorizados e establecendo unha velocidade máxima de 10 km/h. Desta maneira, o espazo peonil pasará de 904,15 m² a 2.170,45 m², o que supón un aumento do 140% do espazo total destinado ás persoas.
Javier Tourís recordou que co Plan +Provincia “a Deputación de Pontevedra fai fronte ás demandas dos concellos, achegando recursos como nunca antes se fixera, para que poidan facer realidade actuacións que transforman e modernizan as vilas da nosa provincia”. Así mesmo, o deputado provincial destacou que cos recursos deste programa “completamos proxectos como o que se vai realizar na rúa Bouza de Abaixo, en Vilaxoán, que garanten a mobilidade e seguridade peonil con espazos urbanos máis accesibles, e melloran notablemente a calidade de vida da súa veciñanza”.