O Concello de Nigrán ofrece este domingo 29 de xuño ás 19:00 horas no Auditorio Municipal a comedia para todos os públicos ‘Mal do miolo’, do grupo lucense ‘Pico do Castro’. A entrada é de balde ata completar o aforo e o espectáculo forma parte do convenio do Concello con FEGATEA.
As personaxes, un doutor con dominio en temas de psique humana e un doente cun complexo de Edipo tan grande, pero tan grande, que… ata o mesmo Edipo lle recomendaría terapia!. Así as cousas, o doente pouco a pouco irá sacando das casillas a un doutor moi resistente a desbordarse a pesar do desfile de ocorrencias e situacións, insólitas e raras, que lle propón o seu doente. Neste senso, ambas personaxes disputarán o protagonismo da escena tratando, con moita intelixencia e humor, temas como a incomunicación familiar, os condicionamentos sociais, a hipocrisía, a soidade ou a sexualidade.