Importante éxito acadado pola Banda de Acordeóns Metropolitana e pola Árgonat Band, ámbalas dúas dirixidas por Juan Bande, que lograron o primeiro posto nas súas respectivas categorías no 58ª Certame Nacional de Acordeón, que tivo lugar en A Coruña.
Este importante logro ten tamén como premio a oportunidade de representar a España no Torneo Internacional de Montargis (Francia), previsto para finais do mes de novembro.
A Banda Metropolitana interpretou os temas “Barcarola”, “Unha noite na eira do trigo” e “Todo tiene su fin”; mentres que Árgonat Band acadou o seu primeiro posto coa maxistral execución de “Fear of the dark”, “Madrid City” e “Licor café”.
“Este é un trunfo de todos e para todos, un paso adiante para todos nós e agora iremos a Francia coa ilusión de seguir medrando, de gozar da experiencia e de facer un bo papel alí”, apunta o seu director Juan Bande.
Árgonat Band naceu no 2015 e conta con uns 12 integrantes entre 14 e 35 anos. No ano 2017 incorporaron á banda novos instrumentos como a gaita, o baixo eléctrico e o violín. No 2022 tamén incorporan a frauta traveseira e o clarinete.
Nestes anos de traxectoria contan cun son propio e recoñecible ao interpretar os grandes clásicos do rock, sen pechar tampouco a porta a versión doutros estilos musicais.
Aínda que os seus inicios foron na Escola de Música de Torroso, actualmente pertencen á Asociación Cultural “Son do Acordeón”, da que tamén forma parte a Banda de Acordeóns Metropolitana, que iniciou a súa traxectoria no 2021. A BAM está formada por 48 acordeonistas e un batería, cun abano de idades entre os 84 e os 47 anos, e interpretan temas clásicos e populares de diferentes ritmos e estilos, procurando unha proposta orixinal.
Ademais, dende 2024 contan tamén cun coro formado polos maridos, mulleres e outros familiares dos acordeonistas composto por 33 voces.
A BAM conta con integrantes de Mos, pero tamén con acordeonistas doutros puntos como Gondomar, Nigrán, A Guarda, Tui, Tomiño, O Porriño, Ponteareas ou Vigo.
Tódolos anos a Árgonat Band organiza o “Concerto-Audición de alumnos de acordeón”, co obxectivo de dar a coñecer a gran variedade de formacións que existen arredor do acordeón. Pola súa banda, a BAM organiza ao longo de todo o ano dous grandes concertos: O Concerto Audición de acordeón e o festival BAM e amigos, no que colaboran todo tipo de agrupacións.