HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López presenta o programa Depo Van: unha inxección de 300.000€ para...

Luis López presenta o programa Depo Van: unha inxección de 300.000€ para que os clubs deportivos poidan adquirir furgonetas e outros vehículos para os desprazamentos

- Anuncio -spot_img

O mandatario provincial, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez e diante de membros de distintos clubs da provincia, detalla unha nova mostra da sensibilidade Deputación para atender as necesidades dos colectivos deportivos da provincia

Cada entidade poderá solicitar ata 25.000 € dentro dunha liña de axudas que tamén reserva contías para adquirir remolques, adaptar vehículos ou mercar aparatos para persoas con discapacidade

“Falamos duns bens moi necesarios para os clubs, aos que moitas veces non lles é nada doado acceder a eles por cuestións económicas”, recoñeceu López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado pola vicepresidenta e responsable do departamento de Deportes, Luisa Sánchez, presenta unha nova mostra de apoio ao tecido deportivo da provincia: o programa Depo Van. Trátase dunha liña de subvencións que mobiliza un total de 300.000 euros para axudar aos clubs deportivos da provincia a adquirir vehículos que faciliten os seus desprazamentos, tanto para os deportistas como para o traslado de materiais. “Falamos duns bens moi necesarios para os clubs, aos que moitas veces non lles é nada doado acceder a eles por cuestións económicas”, recoñeceu o mandatario provincial. “Depo Van é unha axuda para fortalecer todo o tecido deportivo da provincia”, contextualizou Luisa Sánchez.

O programa dispón dun orzamento total de 300.000 euros que se distribúe do seguinte xeito: 150.000€ para entidades de calquera disciplina, 100.000€ para especialidades acuáticas e 50.000€ para entidades con deportistas con discapacidade. Cada solicitante poderá acceder a un máximo de 25.000€ para a adquisición de vehículos novos, mentres que a contía para a compra de vehículos usados será de 15.000€ e ata un máximo de 5.000€ para facerse con remolques, adaptar vehículos ou comprar aparatos para persoas con discapacidade.

A concesión das axudas realizarase polo procedemento de concorrencia competitiva en base a criterios obxectivos como o número de licencias, o nivel de participación en competicións oficiais, o número de habitantes do concello ou se o club xa conta con outros vehículos. Cada club só poderá presentar unha solicitude. O prazo de presentación das mesmas será de 30 días hábiles a contar desde a publicación das bases e as adquisicións deberán estar xustificadas antes do 31 de xaneiro do 2026. “Como Deputación cunha liña estratéxica principal no deporte fixémonos eco destas necesidades dos clubs porque o transporte supón unha partida orzamentaria moi importante para os clubs e con isto queremos reducir os seus custos”, explicou a vicepresidenta.

Ás portas do Pazo provincial, López e Sánchez detallaron as liñas dunha novidosa liña de axudas que xorde da escoita aos responsables dos clubs deportivos da provincia para ofrecer unha solución ás dificultades que deben afrontar á hora de planificar as súas viaxes. Así o recoñeceron Santi Picallo, presidente do Cisne de Pontevedra; Jose Ántonio Beiro, presidente do AMFIV de Vigo; José Luis Pena, presidente do Quenlla Surf de Nigrán; e David Lorenzo, adestrador do Club Piragüismo As Torres de Catoira. Todos amosaron o seu agradecemento á Deputación pola sensibilidade cos clubs á hora de ofrecer esta liña de axudas tan necesaria polo incremento nos gastos de transporte que vén soportando todo o tecido deportivo pontevedrés ao longo dos últimos anos. Neste sentido, Luis López sinalou á vicepresidenta Luisa Sánchez como artífice da posta en marcha desta medida. “Unha persoa cunha capacidade de escoita tremenda e que entende á perfección todo o que se lle traslada para logo atender. Esas múltiples reunións que realizou e os contactos mantidos nas súas participacións en eventos deportivos pola provincia foi o que lle levou a facer a proposta que hoxe presentamos”, valorou o presidente.

O avance da provincia do deporte

“Non hai ningunha dúbida de que a provincia de Pontevedra é a provincia do deporte”, concluíu o presidente Luis López, quen reafirmou o compromiso da Deputación co deporte, convidou a todas as entidades a solicitar esta axuda e agradeceu o labor que está a realizar todo o tecido deportivo do territorio para levar o nome da provincia por todo o mundo, así como por inculcar os valores do deporte na sociedade.

Ao mesmo tempo, López fixo balance das actuacións emprendidas pola Deputación en materia deportiva. “Nestes case dous anos de goberno foron numerosas as iniciativas que levamos a cabo. Poderiamos darnos por satisfeitos, pero non nos conformamos e queremos avanzar”, dixo citando as máis de 215 actuacións en infraestruturas deportivas, os máis de 36M€ investidos en equipamentos deportivos, as máis de 720 axudas a deportistas, o incremento do 50 % nos apoios ao tecido deportivo ou os incontables eventos celebrados na provincia.

Publicacións Relacionadas