- Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, agradeceu a todas os colectivos e persoas a súa participación durante maio
- O consistorio contou cun total de doce participantes nas categorías de escaparates comerciais, individual e colectiva
O Concello de Bueu organizou este mércores ao mediodía un acto polo I Certame de Decoración do ‘Mes do Polbo’, no que se entregaron os premios ás persoas gañadoras, consistentes en vales para o comercio local, e no que participaron Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e Isabel Quintás, tenente de alcalde. Durante o acto, Carballo agradeceu a todos os colectivos, persoas e comercios que se animaron a decorar os seus espazos con motivos mariñeiros e relacionados co polbo.
No concurso, que serviu para dinamizar a vila durante o mes de maio coincidindo coa celebración das II Xornadas de Exaltación do Polbo, recibíronse un total de doce propostas e outorgáronse varios premios divididos en diversas categorías e con bonos comercio de agasallo. Así, na categoría individual, o 1º premio foi para Asunción Leal Estévez, que se fai cun bono por importe de 150 €, mentres que Florentino Resille Pastoriza recibiu o 2º premio, de 100 €, e Amalia Castro Ríos, o 3º de 50 €. Na categoría colectiva, o 1º premio, dotado cun de 200 €, recibiuno a Comunidade de Propietarios nº8 de Castelao. Por último, na categoría de escaparates comerciais e hostalaría, o 1º premio, cunha contía de 250 €, foi para Makacos Bueu, o 2º, de 150 €, para Nene’s e o 3º, de 100 €, para Volver.
O xurado conformárono Silvia Carballo, concelleira da área, Isabel Quintás, tenente de alcalde, e Elena Estévez, voceira do PP, e valorou as propostas segundo os criterios de orixinalidade e deseño, a iluminación, os materiais reciclables empregados, a temática e o fomento dos valores locais. O certame, que agarda consolidarse en vindeiras edicións, é tamén unha forma de dinamizar o comercio e o consumo local e por iso se entregan como premios bonos para gastar nos establecementos locais.