O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, foi o encargado de inaugurar a 22ª edición de TecEuropa, que se desenvolverá ao longo desta semana con 25 participantes
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou esta mañá a 22ª edición de TecEuropa, o curso de financiamento comunitario de referencia en Galicia. Nos próximos tres días, a Fundación Galicia Europa (FGE) acollerá en Bruxelas a 25 profesionais de entidades públicas e privadas galegas (administración pública, consultoras, universidades ou terceiro sector, entre outras), que recibirán formación por parte de diferentes especialistas e visitarán algunhas das principais institucións comunitarias.
Na súa intervención, Jesús Gamallo explicou que a intención deste programa é dar aos seus participantes a oportunidade de reflexionar, combinando a perspectiva europea coa rexional e local, sobre como se poden afrontar dende Galicia os retos actuais da UE, como a soberanía estratéxica, a transformación dixital, o cambio demográfico ou a transición enerxética e ecolóxica, dende o punto de vista dos fondos e programas de financiamento que acompañan a estas políticas.
O director xeral tamén destacou que, logo de dez anos, máis de vinte edicións e máis de mil participantes, o interese neste programa está máis vixente que nunca, á vista das numerosas solicitudes recibidas para participar. A sesión inaugural, que contou tamén coa presenza do secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Javier Abad, e da directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, continuou cunha presentación na que se afondou no labor da FGE como oficina de representación dos intereses galegos perante a UE.
A Fundación Finnova, especializada no financiamento da innovación en empresas, rexións e municipios europeos, encargouse posteriormente da primeira das dúas sesións formativas con claves para presentarse a convocatorias de programas como Erasmus ou Life, ademais de consellos xerais para preparar as candidaturas. Os participantes visitarán, ademais, catro institucións comunitarias: o Consello Económico e Social Europeo, o Comité Europeo das Rexións, o Parlamento Europeo e a Comisión Europea. Tamén haberá unha sesión de conclusións a cargo da propia FGE.
Case unha década de TecEuropa
TecEuropa é o programa de especialización en financiamento comunitario que a Fundación Galicia Europa organiza dende hai dez anos. O obxectivo é proporcionar ao persoal técnico das entidades públicas e privadas de Galicia unha visión xeral das diferentes fontes de financiamento comunitario e, sobre todo, a oportunidade de comprender a lóxica de intervención da UE a través dos diferentes fondos e programas dispoñibles. Ademais, búscase fomentar a existencia dunha rede de técnicos en Galicia para compartir experiencias e coñecementos, así como para desenvolver proxectos conxuntos. Dende o seu lanzamento en 2015, TecEuropa reuniu a máis de mil participantes: case 200 nas primeiras edicións presenciais, celebradas ata 2019, e máis de 900 nas dez edicións virtuais celebradas dende 2020.