Unha vintena de persoas participaron onte á tarde no obradoiro de primeiros auxilios e manexo do desfibrilador semiautomático, organizado polo Concello de Neda e a Escola galega de saúde para cidadáns. Na actividade afondouse na denominada “cadea de supervivencia”, esencial para que unha persoa sobreviva ante unha situación que pon en perigo a súa vida. E incidiuse no papel vital que xoga a poboación en xeral.
O técnico de emerxencias sanitarias Carlos Prados, adscrito a un dos helicópteros medicalizados de Urxencias Sanitarias de Galicia, foi o encargado de impartir o curso, que esgotou as prazas ofertadas.
Na sesión formativa, incidiu na necesidade do recoñecemento rápida da situación. Explicou como realizar, de forma axeitada, a reanimación cardiopulmonar, e na importancia dunha desfibrilación precoz, grazas aos DESA, cada vez máis frecuentes en espazos públicos.
O curso incluíu, tras unha introdución teórica, unha parte eminentemente práctica, na que ademais de achegarse ao manexo do desfibrilador, as persoas participantes “adestráronse” en como realizar unha RCP básica.