HomeA CoruñaA Pobra do Caramiñal acollerá tres espectáculos do Festival Atlántica entre o...

A Pobra do Caramiñal acollerá tres espectáculos do Festival Atlántica entre o 3 e o 5 de xullo

- Anuncio -spot_img

· ‘Artiloxios’, de Oswaldo Pai, ‘Vicio houbo sempre’, de Atenea García, e ‘Novas historias de filandar’, de José Luís Gutiérrez ‘Don Guti’, son as propostas ofertadas

A Pobra do Caramiñal será un dos escenarios do Festival Atlántica, unha cita imprescindible coa narración oral que enche Galicia de contos, poesía e tradición. O municipio pobrense acollerá tres espectáculos diferentes os días 3, 4 e 5 de xullo, pensados para públicos diversos e en espazos singulares.

A primeira proposta, ‘Artiloxios’, será o día 3 ás 21:00 horas no Cine Elma. Unha actuación poética e chea de imaxinación a cargo de Oswaldo Pai. O artista combina a palabra con curiosos artefactos mecánicos e electrónicos que acompañan os seus textos e os de grandes autores e autoras como María Elena Walsh, Federico García Lorca, Gloria Fuertes ou o propio Oswaldo Felipe. A obra está dirixida a público infantil a partir de 6 anos, así como público familiar e adulto.

Ao día seguinte, 4 de xullo, ás 21:30 horas, nos xardíns do Pazo do Couto, será a quenda de ‘Vicio houbo sempre’, de Atenea García. Trátase dunha narración oral baseada en testemuños reais de mulleres maiores de 85 anos, que rompen silencios e tabús arredor da sexualidade e o pracer. O espectáculo está pensado para o público adulto.

O ciclo pecharase o 5 de xullo ás 21:00 horas no castro de Posmarcos, co contacontos ‘Novas historias de filandar’, de José Luís Gutiérrez ‘Don Guti’. Nesta proposta, o artista mestura contos tradicionais, romances e historias e vida recollidas na tradición oral, nunha homenaxe ás persoas maiores que lle transmitiron ese legado. Unha viaxe emotiva definida para o público adulto.

A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, destacou que “é un gran orgullo acoller un festival coma este, centrado na posta en valor da nosa lingua, a nosa historia e a nosa identidade” e convidou a veciñanza e visitantes a “achegarse para gozar destas fermosas historias”.

Publicacións Relacionadas