— A Xunta asumirá o financiamento íntegro da parte sanitaria da transformación do mercado, cun investimento de 5,8 millóns de euros, máis da metade do total
— Pon en valor o apoio da Xunta ao desenvolvemento da cidade, con proxectos como a estación intermodal, a plataforma de baño do Parrote ou a construción do novo CHUAC
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou este xoves na Coruña na sinatura do convenio que permitirá converter o antigo mercado de Santa Lucía nun novo espazo multifucional que albergará un centro de saúde, un centro cívico e un mercado de abastos. A intervención suporá, segundo destacou, a culminación dun proceso de colaboración institucional que pon o foco na mellora da calidade de vida da cidadanía.
Rueda cualificou a actuación como unha débeda pendente coa cidade da Coruña, co barrio de Falperra e cos profesionais sanitarios que levan anos prestando servizo ao actual centro de saúde de Federico Tapia, nunhas condicións que xa non responden aos estándares da sanidade pública galega. Por iso, subliñou a determinación da Xunta para dotar a este barrio dun centro moderno, accesible e acorde co que representa a sanidade pública en Galicia e añadiu que a rehabilitación “vai supoñer un antes e un despois para os profesionais que traballan nel e para as persoas que acuden diariamente”.
O novo equipamento levantarase sobre o edificio do mercado de Santa Lucía, obra do arquitecto Manuel Gallego Jorreto, que será rehabilitado respectando o seu valor patrimonial e apostando por unha arquitectura funcional e centrada no servizo público para convertilo “nun centro de saúde de referencia”. A intervención permitirá aumentar significativamente a superficie do centro de saúde, pasando dos actuais 387m2 a máis de 1.700m2, o que permitirá “duplicar as consultas de medicina de familia, enfermería e pediatría”, ademais da incorporación de novos espazos como unha sala de espera pediátrica, consulta de matrona, área de traballo social ou sala de educación maternal.
A Xunta asumirá o financiamento íntegro da parte sanitaria do proxecto, cun investimento de “case 6 millóns de euros”, máis da metade do orzamento final, e ponse a disposición do Concello para garantir unha execución áxil e eficaz das obras. O obxectivo compartido é que o novo centro poida entrar en funcionamento ao longo do ano 2027.
O xefe do Executivo autonómico enmarcou este proxecto nun triplo compromiso do Goberno galego: co reforzo da atención primaria, cun investimento de 158 millóns de euros na mellora das infraestruturas sanitarias básicas; coa sanidade pública da Coruña e da súa área sanitaria, onde se está a construír o novo CHUAC cun orzamento global de 500 millóns de euros; e coa propia cidade da Coruña, a través de múltiples actuacións como a estación intermodal, a plataforma de baño do Parrote, a recuperación da fachada marítima ou os programas de vivenda e rehabilitación urbana.
Rueda reafirmou a vontade da Xunta de seguir colaborando e “compartindo esforzos” coas administracións locais para construír unha Galicia que sume, que coide e que avance sen deixar a ninguén atrás, apostando por servizo públicos de calidade como eixo fundamental do benestar, a igualdade e o futuro.