HomeA CoruñaA CoruñaOs Mallos e Bens pechan as festas nos barrios deste mes de...

Os Mallos e Bens pechan as festas nos barrios deste mes de xuño

- Anuncio -spot_img

Haberá actuacións musicais de diversa índole, propostas gastronómicas variadas e ocio para todos os públicos

As festas nos barrios da Coruña continúan nesta última fin de semana do mes de xuño con festexos nos barrios de Os Mallos e Bens. As festas son financiadas polo Concello a través do plan de apoio ás entidades veciñais para a celebración das súas festas patronais. Dita liña de subvencións conta cun orzamento total de 500.000 euros para todas as celebracións tradicionais dos barrios. “Desde o Goberno de Inés Rey temos democratizado este ano o proceso para que os diferentes barrios celebren as súas festas, dándolle ás asociacións unha maior autonomía para que confeccionen os programas”, indica Gonzalo Castro.

Nos Mallos as celebracións comezarán este venres na rúa Ángel Senra co pregón da alcaldesa, Inés Rey, a partir das 20.30 horas. O acto, precedido cunha sesión musical de DJ Pukas, estará presentado por Dani Rodríguez. Ás 21.00 horas haberá unha homenaxe aos fundadores do Club Feminino Karbo e a xornada do venres rematará coa actuación da Orquestra Saudade.

O sábado a xornada comezará con pasarrúas a cargo da agrupación Aturuxo na rúa Antonio Viñes, onde tamén haberá unha sesión desde as 13.00 horas a cargo de Mar Davila. Na rúa Diego Delicado haberá concerto desde as 13.00 horas de The Homeless e DJ Pukas. Tamén haberá churrascada a cargo da peña Tralla Brava. Pola tarde, ás 17.00, en Ángel Senra haberá festa da escuma e actuación de DJ Javito e taller de maxia de Charly Brown. Desde as 21.00, verbena coa orquestra Brigantium. O domingo haberá pasarrúas a cargo dos Kilomberos de Monte Alto e, na rúa Diego Delicado, actuación de Mar Davila desde as 13.00 horas.

Por outra banda, en Bens, o venres comezarán as festas con churrascada popular a partir das 20.30 horas e verbena a cargo da orquestra Finisterre. O sábado haberá sesión vermú desde as 14.30 horas co Dúo Matices e, pola noite, polbada desde as 21.00 horas e verbena con Los Satélites. O domingo haberá actividades desde as 10.00 horas con dianas e alboradas. Ás 14.30 horas celebrarase unha sesión vermú con D’Vicio, que tamén será o encargado do fin de festa a partir das 21.00 horas. Pola tarde haberá festa infantil ás 18.00 e torneo de chave ás 19.00 horas.

Publicacións Relacionadas