O deputado provincial Marcos Guisasola visitou hoxe o concello para anunciar que esta actuación será financiada con recursos do Plan + Provincia que serán aprobados na Xunta de Goberno deste venres
O deputado provincial Marco Guisasola acaba de anunciar nunha visita ao Grove que a Deputación se encargará de financiar parte da adquisición directa da parcela nº 31 da rúa Luís A. Mestre, antigo colexio das monxas. A Xunta de Goberno aprobará este venres unha achega de máis de 110.000 euros para esta actuación con recursos procedentes da liña 1 do Plan +Provincia. Nesta anualidade, este programa provincial destina á vila un total de 914.380 € e, no caso da liña 1 de investimentos, máis de 640.000 €.
O deputado informou que con estes recursos do organismo provincial O Grove fará fronte ao financiamento da adquisición da parcela nº 31 da rúa Luís A. Mestre (antigo colexio das monxas), con pagamento aprazado, correspondente á anualidade do 2025 que figura na escritura pública. O inmoble foi adquirido polo Concello do Grove no 2022 por máis de 1.030.000 €, co obxectivo de convertelo nun centro de servizos sociais, e xa recibiu outros 100.000 € da Deputación de Pontevedra anteriormente para financiar esta actuación. Neste espazo instalouse un Punto de Atención á Infancia (PAI) para cativos de 0 a 3 años, ademais doutros servizos como o de atención a persoas maiores dependentes de Afasal, o programa de conciliación familiar para maiores “Vellos Tempos” ou obradoiros de memoria.
Marcos Guisasola subliñou que o Plan +Provincia “define perfectamente o gran compromiso deste goberno provincial cos concellos, dándolles resposta as súas demandas cos nosos recursos, para que teñan todas as súas necesidades cubertas”. E tamén puxo en valor que, con iniciativas como a que O Grove vai impulsar con recursos provinciais, “estamos a promover o avance e modernización da provincia de Pontevedra a través de iniciativas que melloran a calidade de vida da veciñanza”.