A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este mércores no acto de inauguración do Congreso do Mar organizado polo Real Club Náutico de Vigo nas súas instalacións co apoio da institución provincial. A vicepresidenta sinalou que “este congreso só se podía celebrar nesta cidade, xa Martín Códax facía alusión a esas ‘ondas do mar de Vigo’ que representan a nosa terra, e a través deste congreso reivindícase a importancia deste escenario vital para a nosa cidade e para a nosa provincia”.
Luisa Sánchez lembrou que “a nosa ría é unha das nosas vantaxes competitivas, que nos posiciona e nos diferencia ante o mundo”, con fitos como o maior porto pesqueiro de Europa en peixe para o consumo humano e a industria de conservación e transformación do produto, pero tamén a metalúrxica e o naval. “Por iso tiñamos que estar aquí”, sinalou a vicepresidenta da Deputación, “confiando en que a esta primeira lle sigan moitas máis edicións” dun congreso que abarca os deportes no mar, a industria náutica, o impulso ao emprendemento e a innovación, e a sostibilidade ou a inclusión. Luisa Sánchez trasladou os parabéns do goberno provincial por un “programa tan variado e atractivo” que inclúe mesas redondas, obradoiros, conferencias e diversas actividades entre o 26 e o 29 de xuño.