HomeA CoruñaA Xunta inicia as obras de ampliación das redes de abastecemento e...

A Xunta inicia as obras de ampliación das redes de abastecemento e saneamento do lugar de Canedo cun investimento de arredor de 700.000 euros

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez salienta que os traballos, cun prazo de execución de seis meses, supoñen substituír as traídas e pozos particulares existentes por canalizacións comunitarias para dar un servizo adecuado á veciñanza co ano 2045 como horizonte
  • As intervencións son na contorna da estrada N-550, atravesándoa ata en catro ocasións, polo que tamén está prevista a reposición do pavimento afectado polas perforacións necesarias para a execución do proxecto

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe as obras de ampliación das redes de abastecemento e saneamento que dan servizo ao núcleo de poboación do Canedo desde O Mesón do Vento, no concello de Ordes, unhas actuacións nas que o Executivo galego inviste arredor de 700.000 euros.

A responsable autonómica destacou que os traballos, que acaban de comezar e cun prazo de execución de seis meses, teñen como finalidade substituír as traídas veciñais e os pozos particulares existentes na actualidade por unha rede común que garanta un axeitado control sanitario e facilite os labores de mantemento e limpeza das instalacións. Os traballos permitirán dar un servizo adecuado á veciñanza deste lugar cun horizonte temporal que vai ata o ano 2045.

No caso das obras para desenvolver a rede de abastecemento, inclúen a instalación de 2.500 metros de tubaxe de 75 milímetros de diámetro para a rede principal e 315 metros de tubaxe de 63 milímetros de diámetro para os ramais secundarios. A maiores, para completar a rede, empregaranse outros elementos como válvulas de comporta, ventosas de triplo efecto, válvulas de baleirado e unha válvula redutora de presión, así como as correspondentes arquetas para o seu óptimo funcionamento.

En canto aos traballos para implantar a rede de saneamento, inclúen a colocación de 1.470 metros de tubaxe de 315 milímetros de diámetro e 110 metros de tubaxe de 250 milímetros de diámetro así como distintos pozos de rexistro prefabricados. Tamén se instalará un pozo de bombeo prefabricado que estará conectado á fosa séptica existente mediante unha canalización de 1.300 metros de tubaxe de 90 milímetros de diámetro. A eles engádense 110 metros máis de canles de 400 milímetros de diámetro para os sumidoiros e leitos de recollida de augas pluviais do Canedo.

A conselleira destacou que como as actuacións se van desenvolver na contorna da estrada N-550, chegando a cruzala en catro ocasións -para o que é necesario realizar distintas perforacións-, entre os traballos inclúese a reposición dos pavimentos e superficies afectadas por outras de semellantes características.

O contrato principal destas obras -enmarcadas no convenio asinado entre Augas de Galicia e o Concello de Ordes- supón un investimento de arredor de 650.000 euros. A el engádense outros como o servizo de asistencia técnica á dirección facultativa da obra ou para o desenvolvemento de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, que superan os 50.000 euros, polo que o investimento total nesta actuación rolda os 700.000 euros, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Publicacións Relacionadas