HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López asina coa alcaldesa de Salceda de Caselas, Dolores Castiñeira, o...

Luis López asina coa alcaldesa de Salceda de Caselas, Dolores Castiñeira, o convenio co que a Deputación financia os 875.000€ do saneamento de Entenza

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial salienta a combinación dos recursos do Plan Extra e do +Provincia para levar a cabo proxectos estratéxicos que melloran os servizos públicos

A colaboración prevista para este ano do organismo provincial co Concello de Salceda de Caselas a través dos plans de Cooperación é de máis de 1,58 millóns de euros

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración coa alcaldesa de Salceda de Caselas, Dolores Castiñeira, para completar a rede de saneamento na parroquia de Entenza. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Castiñeira selaron un acordo a través do cal o organismo provincial financia o 100 % dun proxecto valorado en 875.000€, cunha achega de 700.000€ a través do Plan Extra e co aporte de 175.000€ para cubrir a parte correspondente do Concello a través do Plan +Provincia. Unha mostra, segundo indicou o presidente, dos froitos da combinación dos recursos de dous programas de cooperación impulsados polo organismo provincial para cooperar cos concellos na execución de proxectos estratéxicos para mellorar os servizos públicos.

A obra comprende a construción de colectores nunha zona rural do concello de Salceda de Caselas, situada na parroquia de Entenza, ao sur do municipio. As accións teñen por obxectivo recoller as augas residuais destas zonas rurais, que carecen de saneamento, para conducilas ata os colectores do Louro e levalas á EDAR de Guillarei, en Tui. En concreto, está prevista a execución de doce tramos de colectores de saneamento en tubaría de PVC compacto de diámetro 315milimetros, así como a reposición do asfalto afectado polos traballos.

A colaboración da Deputación co Concello de Salceda de Caselas non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial máis de 1,58 millóns de euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

Publicacións Relacionadas