- Os percorridos arrancarán o 6 de xullo co “Sendeiro do litoral I” e tamén o 26 de xullo, o 3 e o 23 de agosto
- As persoas interesadas en participar poderán inscribirse de balde no whatsapp do teléfono 611080853
O Concello de Bueu e a Asociación A Illa dos Ratos continúan este verán co programa de rutas “Recoñecer Bueu 2025”, na que se desenvolverán diversos percorridos que pretenden poñer en valor a historia e a cultura dalgúns espazos da vila. A presentación da iniciativa tivo lugar este xoves nun acto no que estiveron Carmen García, concelleira de cultura, Isabel Quintás, tenente de alcalde, e Óscar Rodríguez, da asociación A Illa dos Ratos.
O programa comezará o próximo 6 de xullo cunha ruta titulada “Sendeiro do Litoral I ”, e continuarán o 26 de xullo con “Ermelo, o berce do Morrazo”, o 3 de agosto con “Massó, a orixe” e o 23 de agosto con “Intermareal de Agrelo”. Todas elas arrancarán ás 10 horas da mañá e precisan inscrición previa de balde no whatsapp do teléfono 611080853, cun límite de 35 persoas por ruta.
O obxectivo das rutas, que continúan as levadas a cabo na primavera e inverno, é, segundo Óscar Rodríguez, que “as persoas poidan coñecer dende un enfoque natural, cultural e etnográfico os diversos lugares de Bueu”. Carmen García destacou a “gran diversidade e atractivo destas rutas tanto para as persoas de Bueu como para as que nos visitan”.
O Sendeiro do Litoral I partirá do Porto de Beluso, onde se reflexionará sobre o impacto ambiental que tivo a construción do seu dique dende o ano 2001, coñecendo aspectos interesantes da antiga salgadura de A Roiba e da Casa Molezún, unha edificación icónica da zona que cando a marea está alta semella emerxer do mar, sen esquecer a praia de Tuia dende onde se pode ver o arquipélago de Ons, e sempre coa riqueza natural da contorna durante todo o camiño.
Na de Ermelo poñerase en valor a importancia histórica deste núcleo a través dunha viaxe no tempo, e partirase do Concilio II de Braga, onde xa se falaba deste lugar como o “berce do Morrazo”. Tras varios séculos de existencia foi entrando en declive debido a diversas circunstancias como o escaso número de habitantes que residían neste lugar, a marcha dos monxes beneditinos que atendían o mosteiro, ou a eclosión das outras parroquias da nosa contorna.
“Massó, a orixe”, unha das máis agardadas, contará a historia da conserveira Massó dende a chegada de Salvador Massó Palau a Bueu en 1816, pasando polo resto da familia Massó, con especial atención a evolución da súas actividades industriais, primeiro de salgadura no “Almacén do Rei” e logo da conserva en “La Perfección” e na moderna fábrica de Bueu inaugurada en 1926, ata o peche das fábricas e fin da saga. Tamén haberá tempo para curiosidades e anécdotas: como era o día a día das traballadoras, as súas ocupacións e preocupacións e a importancia que tivo a actividade conserveira para a súa incorporación ao mundo laboral.
A Intermareal de Agrelo percorrerá o entorno natural no que se atopan as praias de Loureiro, Agrelo e Portomaior, o cal se caracteriza por unha gran biodiversidade e riqueza natural. Nesta ruta visitaranse as pozas da zona intermareal da praia de Agrelo para observar a flora e a fauna mariña que vive nelas e que ten que adaptarse cada día ás condicións cambiantes que se producen cando sobe e baixa a marea. Trátase dunha ruta moi interactiva na que se poderán ver e tocar diferentes especies como os ourizos, os tomates de mar ou algunha estrelamar, e da que poderán gozar pequenos e maiores.
A Asociación A Illa dos Ratos leva dende o 2016 organizando rutas, e de feito xa conta con máis de 800 percorridos e supera as 23.000 persoas asistentes entre os tres concellos do Morrazo.