– Digna Rivas advirte que as acusacións de “ilegalidades” e “presunta corrupción” contra o goberno local por parte dos populares están fóra de lugar, e insta ao PP de Redondela a demostralo porque é “totalmente mentira”. “O PP de Redondela está a facer aquí a mesma política que a nivel estatal, con calumnias e difamacións, e non todo vale”.
-A alcaldesa explica que o informe de intervención sobre o pago das facturas pendentes é similar aos que se presentan todos os anos, “tamén cando gobernaba Javier Bas”, e a oposición “por responsabilidade” nunca se opuxo a que os provedores cobrasen. Rivas sinala que o anuncio dos populares de que votarán en contra deste pago “a quen vai prexudicar é a autónomos e pequenas empresas de Redondela que non van poder cobrar”.
O Partido Popular de Redondela anunciou na súa conta oficial de redes sociais que se oporá ao pago de 192.000 euros de facturas pendentes. Este recoñecemento extraxudicial de crédito debaterase no pleno da corporación que se celebra esta tarde no auditorio da Xunqueira. Os populares xustifican esta decisión por “ilegalidades” e “presunta corrupción” do goberno local. Desde o Concello a alcaldesa, Digna Rivas, carga contra o xeito de facer oposición dos populares “con inxurias e calumnias que non vou consentir, porque en política non todo vale”, afirma Rivas. A alcaldesa insta ao grupo municipal popular a que “demostren o que están a dicir e que o denuncien no xulgado”, ou do contrario que retiren esas acusacións porque son “totalmente mentira”. Rivas explica que os informes de intervención “son os mesmos que se levaron en xaneiro e que aprobou o PP”. Engade a alcaldesa que se trata de informes técnicos similares aos que se presentan “todos os anos, tamén cando gobernaba o PP de Javier Bas” e a oposición “por responsabilidade” nunca se opuxo “para que os provedores cobrasen”.
O recoñecemento extraxudicial de crédito recolle facturas correspondentes ao exercicio 2024, a maioría delas ( máis do 95%), foron rexistradas no Concello no mes de xaneiro de 2025, fóra do exercicio orzamentario “polo que só poden pagarse mediante a aprobación en pleno”. Rivas sinala que o anuncio dos populares de que votarán en contra deste pago “a quen vai prexudicar é a autónomos e pequenas empresas de Redondela que non van poder cobrar as facturas pendentes”.
Rivas denuncia a actitude do PP redondelán que está “desnortado e seguindo o xogo que o seu partido está a facer en Madrid”. “A dereita non ten un proxecto político alternativo e dedícanse a difamar”, conclúe a alcaldesa de Redondela.