HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación inspecciona os traballos de conservación na Casa de Combarro, en...

A Deputación inspecciona os traballos de conservación na Casa de Combarro, en Poio, para asegurar que se desenvolven de acordo ao proxecto aprobado

- Anuncio -spot_img

Persoal técnico da institución provincial remarca que a actuación conta con todas as autorizacións pertinentes

A Deputación de Pontevedra levou a cabo unha inspección dos traballos de conservación na Casa de Combarro, no Concello de Poio. Persoal técnico da institución provincial encargado de supervisar o estado e evolución das obras remarca que os traballos se están a desenvolver atendendo ao proxecto aprobado que conta con todas as autorizacións pertinentes. Nestes momentos estanse a realizar tarefas de retirada de materiais de recubrimento da cuberta e solainas para a súa demolición e estase a empregar morteiro de cal para o encintado das pedras da fachada, tal e como se fixou no proxecto autorizado.

O persoal técnico da Deputación afirma que as vigas de formigón que se poden ver na actualidade son as preexistentes, que estaban recubertas de madeira. Ao respecto, o proxectista identificou a presenza dun falso histórico que consistía no revestimento superficial das vigas de formigón con elementos que simulaban madeira estrutural antiga, algo que carece de valor construtivo e patrimonial, induce a erro sobre a autenticidade dos elementos e distorsiona a lectura do edificio. Por estes motivos, o proxecto propón eliminar o revestimento, dando prioridade a criterios de autenticidade, claridade formal e respecto pola evolución histórica real do edificio, e  executar unha nova estrutura de madeira, que quedará á vista de xeito máis acorde coa contorna e a tipoloxía do inmoble, así como coa normativa de protección.

A Deputación está a investir 138.000 euros no acondicionamento deste espazo da súa propiedade para cederllo en condicións axeitadas ao Concello de Poio por un período de 30 anos, para que poida situar nel un centro de promoción turística e de posta en valor do patrimonio histórico-cultural. As obras permitirán conservar e manter esta edificación para mellorar a súa salubridade, habitabilidade e eficiencia enerxética. Os traballos inclúen substituír a cubrición de tella, reparar o canlón medianeiro, limpar a fachada de pedra de maneira manual, revisar o encintado e substituír as carpinterías exteriores e as contras de madeira. Ademais, tamén se procederá a implantar un sistema de climatización mediante bomba de calor de alta eficiencia así como dun sistema de ventilación con recuperador de calor, colocar novas luminarias LED en todas as estancias, renovar a instalación eléctrica, remodelar o aseo, executar unha nova instalación de fontanería e saneamento, e, finalmente, acondicionar as paredes e teitos do inmoble.

Publicacións Relacionadas