Esta tarde tivo lugar na Praza do Concello do Porriño o acto oficial de presentación da Galicia Cup, torneo internacional de fútbol base que se disputará esta fin de semana, do 27 ao 29 de xuño, en O Porriño, Mondariz e Ponteareas.
O Alcalde, Alejandro Lorenzo, e o Concelleiro de Deportes, Abel Estévez, acudiron ao acto e quixeron destacar a importancia desta competición para a promoción do deporte base na comarca. “Quero destacar o papel fundamental que ten o deporte base na formación da nosa mocidade, non só desde o punto de vista deportivo, senón tamén como ferramenta educativa, de convivencia e de transmisión de valores”, afirmou o rexedor.
A primeira edición da Galicia Cup reunirá 40 equipos (38 galegos e 2 asturianos) distribuídos en catro categorías: Benxamín, Alevín, Infantil e Cadete. O Porriño será un dos escenarios principais do torneo, concretamente o Campo de Fútbol do Porriño Industrial FC, e converterase no epicentro das actividades deportivas que acompañarán a competición.
Impulsada por Antón de Vicente e apadriñada polo coñecido youtuber WithZack, a Galicia Cup nace coa vocación de fomentar a convivencia, os valores deportivos e a educación a través do fútbol, combinando a competición cunha programación lúdica e de concienciación.
Partido de Exhibición como Clausura do Torneo
Como broche final ao torneo que se celebra este domingo, terá lugar un partido de exhibición entre unha selección de xogadores dos Concellos do Condado de Paradanta e Louriña e unha selección de persoas inmigrantes.
O encontro desputarase no campo municipal do Lourambal, no Porriño, en horario de 15:00 a 16:00 horas. Unha vez rematado o partido, procederáse á entrega de premios, poñendo así o punto final a unha xornada de deporte, integración e convivencia