HomeXunta de GaliciaGalicia e outras 12 comunidades logran que o goberno Central retire o...

Galicia e outras 12 comunidades logran que o goberno Central retire o debate sobre o estado do lobo da orde do día da Comisión Sectorial de Medio Ambiente

- Anuncio -spot_img
  • Lamentan a profunda deslealdade institucional do secretario do Estado de Medio Ambiente que intentou abordar esta cuestión logo de ter anunciado a súa retirada da orde do día ao comezo da reunión
  • O informe sexenal sobre o lobo abordarase nunha nova reunión que se celebrará o vindeiro 11 de xullo despois de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica non enviase a proposta de informe sexenal aos membros da Comisión
  • Galicia foi unha das primeiras autonomías en remitir os seus datos sobre a situación do lobo dentro do seu territorio, información que constata que o estado de conservación da especie é favorable en todos os parámetros que se avalían

A Xunta pon en valor que Galicia, xunto con outras 12 comunidades autónomas, lograron que o Goberno central retirase o debate sobre o informe sexenal do lobo da orde do día da Comisión Sectorial de Medio Ambiente, tal e como solicitaran por carta o pasado luns, 24 de xuño, polo retraso no envío da documentación sobre esta materia.

Con todo, o Goberno galego lamenta a profunda deslealdade institucional do secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, que, tras anunciar ao comezo da reunión, que se celebrou esta mañá de xeito telemático, a retirada deste punto da orde do día, intentou ao longo do encontro abordar este tema escudándose en que se tratarían cuestións xurídicas.

Como xa indicaban na carta remitida ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), as comunidades autónomas deberían ter á súa disposición o borrador do informe sexenal o pasado 15 de xuño, pero non foi remitido aos membros da Comisión Sectorial.

Finalmente, o secretario de Estado de Medio Ambiente rectificou a súa posición e anunciou a convocatoria nunha nova Comisión Sectorial para o vindeiro 11 de xullo, na que si se debaterá o informe sexenal sobre o lobo correspondente ao período 2019-2024, como paso previo á súa aprobación nunha futura Conferencia Sectorial, tal e como establece a disposición adicional oitava da Lei de desperdicio alimentario.

Unha vez aprobado en Conferencia Sectorial, o Goberno central terá que envialo á Comisión Europea. Con tal fin, as comunidades debían remitir ao Miteco os datos que tiñan no seu poder, información que debería ser a base para a elaboración do informe definitivo.

De feito, Galicia foi unha das primeiras autonomías en remitir os seus datos sobre a situación do lobo dentro do seu territorio, información que constata que o estado de conservación da especie é favorable en todos os parámetros que se avalían, tanto por amplitude xeográfica, poboación, hábitat e perspectivas futuras.

En representación da Xunta de Galicia, participaron nesta Comisión Sectorial, a secretaria xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Carmen Bouso; a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz; a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría; e o director de Augas de Galicia, Roi Fernández.

Publicacións Relacionadas