O Concello de Mos moderniza o seu Punto Limpo, sito no Parque Empresarial PEMOS Veigadaña, para adaptalo aos novos tempos, acción para a que conta cunha subvención da Xunta de Galicia, que asumirá o 90% do orzamento. Deste xeito, a partida concedida ao Concello de Mos para a mellora do punto limpo ascende a 35.414,96 euros.
As intervencións neste Punto Limpo buscan optimizar a funcionalidade e seguridade do recinto, así como facilitar un mellor acceso e servizo para os usuarios. Entre as principais actuacións inclúense a ampliación dos almacéns actuais así como mellorar o seu funcionamento coa instalación de soportes metálicos, portas de grella, a limpeza de muros e a mellora da iluminación exterior.
Tamén se amplían as capacidades de tratamento de residuos, como electrodomésticos, papel-cartón, vidro e restos de poda, con incrementos de volume que van do 33% ao 100%. Estas melloras permitirán xestionar no Punto Limpo un volume maior de residuos e ampliar o listado de residuos autorizados, contribuíndo á redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, a conservación de recursos naturais e a promoción da economía circular.
De feito, vaise poñer tamén en funcionamento unha biotrituradora para producir compost caseiro, triturando restos de poda e vexetais que alí se depositen, polo que ese material poderá ser recollido e reutilizado de xeito gratuíto polos veciños e veciñas que o queiran empregar nas súas fincas e cultivos.
No tocante á recollida e almacenaxe de pequenos electrodomésticos, a intención é que nun futuro se poida activar un servizo de reparación e recuperación dos mesmos, sempre que sexa posible, para a súa reutilización. Deste xeito, a pretensión do Concello de Mos é por en marcha formación para o persoal do Punto Limpo en materia de preparación para a reutilización con obxecto de seleccionar adecuadamente aqueles residuos susceptibles de seren preparados para unha segunda vida útil.
Esta subvención da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático vai dirixida a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
Punto Limpo móbil
Outra das medidas a poñer en marcha é a creación dun mini Punto Limpo móbil, que conta tamén cunha subvención da Xunta de 13.455 euros, e que se desprazará polas 10 parroquias mosenses para facer recollida a domicilio e evitarlle á veciñanza ter que desprazarse ata as instalacións centrais da Veigadaña.