“Imos seguir sumando recursos e esforzos para que Pontevedra sexa a provincia do deporte”, remarcou o presidente da Deputación
Os recursos distribúense en 150.000 € para o deporte en xeral, 100.000 € para o deporte náutico e 50.000 € para aqueles clubs que acrediten unha traxectoria mínima de dous anos na promoción ou práctica do deporte entre persoas con discapacidade
Luis López acaba de anunciar a aprobación de DepoVAN, a nova liña de axudas ao deporte dotada con 300.000 € para que os clubs da provincia poidan adquirir ou adaptar furgonetas e outros vehículos. Esta nova iniciativa distribuirá os recursos en 150.000 € para o deporte en xeral, 100.000 € para o deporte náutico e 50.000 € para aqueles clubs que acrediten unha traxectoria mínima de dous anos na promoción ou práctica do deporte entre persoas con discapacidade. “Imos seguir –remarcou o presidente da Deputación-sumando recursos e esforzos para que Pontevedra sexa a provincia do deporte”.
A nova liña de axudas ao deporte da Deputación de Pontevedra vai dirixida a financiar ata un máximo do 80% do orzamento de vehículos, remolques, adaptacións de vehículos para persoas con discapacidade ou aparellos específicos para deportistas con discapacidade que sexan empregados nos seus desprazamentos como clubs deportivos. E, en liñas xerais, as axudas serán distribuídas por concorrencia competitiva e teranse en conta o número de licencias, o nivel de participación en competicións oficiais, o tamaño do concello e tamén se xa o club conta con vehículos destas características. O prazo será de 30 días hábiles desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia e, tal e como explicou, as entidades terán ata o 31 de xaneiro de 2026 para xustificar a adquisición destes vehículos.
No caso do deporte en xeral, clubs que practiquen calquera modalidade deportiva federada, as axudas ascenden a un total de 150.000 euros e oscilan entre os 5.000 € como máximo para adquirir remolques, ata os 15.000 € para mercar vehículos de segunda man ou os 25.000 € para vehículos novos. A mesma distribución será para os clubs de deporte náutico, que recibirán axudas de ata 100.000 euros. Pola súa banda, os clubs que acrediten unha traxectoria mínima de dous anos na promoción ou práctica do deporte entre persoas con discapacidade beneficiaranse de ata 50.000 € distribuídos en 5.000 € como máximo para adquirir remolques, realizar traballos de adaptación de vehículos ou mercar aparellos para facilitar o traslado de deportistas con discapacidade; 15.000 € para mercar vehículos de segunda man e 25.000 e para adquirir vehículos novos.