Con esta actividade “imos seguir abrindo estas instalacións á cidadanía”, asegurou o presidente Luis López quen detallou que as visitas terán lugar de luns a sábado para grupos de entre 2 e 30 persoas e que se poderán solicitar a través da web de Areeiro
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha prórroga para prestar o servizo de visitas guiadas gratuítas ao centro de investigación agroforestal da institución provincial que acaba de reactivar trala grande acollida rexistrada na anterior convocatoria. Deste xeito, tal e como informou o presidente provincial Luis López, o organismo destinará este ano 14.300 euros a esta iniciativa que permite “seguir abrindo estas instalacións á cidadanía” para coñecer tanto o traballo que está a liderar Areeiro como os seus xardíns que contan con plantacións piloto de froiteiras, a colección de camelias da Deputación (con máis de mil exemplares), a primeira plantación de té de Galicia, un xardín de aromáticas e outras especies vexetais de interese.
As visitas están abertas a grupos de entre 2 e 30 persoas. As persoas encargadas de realizalas son guías habilitadas co título de guía turístico de Galicia e realizaranse de luns a venres entre as 9:00 e as 14:00 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas, cunha duración aproximada de dúas horas. Unicamente se poderá realizar unha visita por persoa ou grupo ao ano.
Poden solicitar as visitas todas as persoas interesadas, enviando o formulario dispoñible no sitio web de Areeiro cunha antelación mínima de dous días naturais. No caso de que participen menores, deberán estar acompañados dunha persoa adulta (nai, pai ou titora) e contar coa autorización asinada destas no caso de que se trate dunha visita escolar. Se algunha das persoas participantes ten mobilidade reducida, deberase indicar no momento de enviar o formulario. Neste caso, tamén se recomenda contactar a través do enderezo electrónico de Areeiro para valorar as necesidades de medios de apoio dispoñibles.
A Estación Fitopatolóxica Areeiro é un centro de referencia cun alto prestixio a nivel nacional e internacional debido ao seu labor no ámbito da sanidade vexetal, na investigación e experimentación sobre cultivos forestais, agrícolas ou ornamentais como a camelia, e tamén na defensa e conservación do patrimonio vexetal da provincia. O centro conta con laboratorios dedicados ao diagnóstico e investigación das pragas e enfermidades dos vexetais, á edafoloxía e a estudos de cultivos.