HomeXunta de GaliciaA Xunta pon en valor a aposta que está a facer por...

A Xunta pon en valor a aposta que está a facer por un turismo e unha mobilidade sostibles

- Anuncio -spot_img
  • Judit Fontela destacou o programa Ebici para fomentar a mobilidade segura e inclusiva

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participaron esta mañá na inauguración do XXI Congreso Ibérico da Bicicleta e a Cidade, no que destacaron a aposta que está a facer o Goberno da Xunta de Galicia por un turismo cada vez más sostible e unha mobilidade máis segura, inclusiva e sostible centrada nas persoas, na que a bicicleta é unha ferramenta clave.

Durante a súa intervención, o director de Turismo salientou a relevancia da sostibilidade para o departamento que dirixe, “un dos eixos da nosa Estratexia de Turismo de Galicia 2030”, cualificou, “baixo a consigna de apostar por un destino auténtico e sostible”.

Desde Turismo de Galicia estase a promover o turismo neste medio de transporte, con medidas como a colaboración na mellora da rede transfronteiriza Eurovelo. Con dous itinerarios que rematan en Galicia, a Xunta está a punto de finalizar a sinalización destes tramos, unha actuación que supuxo un investimento de máis de 1,37M€, financiados con fondos NextGeneration.

Pola súa banda, Judit Fontela, que tamén participou nunha mesa redonda posterior coa conferencia  Programa Ebici. A nosa pegada importa, fixo referencia ao éxito do programa Ebici, que se puxo en marcha en 2022 para facilitar a adquisición de bicicletas eléctricas e de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas. A través desta iniciativa, a Xunta financia un desconto no prezo de compra de ata o 50% en condicións xerais cun máximo do 50% e de ata o 70% e máximo de 700 euros para familias numerosas de carácter especial e persoas con mobilidade reducida. Nesta liña, lembrou que o Goberno galego destinou desde o lanzamento do programa 2,7 millóns de euros, que supuxeron unha mobilización de 4,7 millóns.

O éxito do programa -engadiu- reflexouse nas 167 entidades colaboradoras e nas máis de 5.300 persoas beneficiadas por estas axudas, principalmente na contorna urbana, onde se concentra a meirande parte da poboación. Ademais, a Administración autonómica xa publicou a convocatoria deste ano, que conta cunha dotación de 1,7 millóns de euros, distribuídos en dúas anualidades: 1 millón neste 2025 e 700.000 euros en 2026.

A directora xeral sinalou que Ebici vai dirixido a modificar hábitos especialmente nas contornas urbanas co obxectivo de reducir o uso do vehículo privado e incentivar o uso dun transporte sostible e saudable. Na súa intervención, tamén fixo referencia á Estratexia Galega de Mobilidade, unha folla de ruta sobre as políticas de mobilidade da Xunta con case un cento de medidas que, ao igual que o programa Ebici, pretende transformar o modelo actual cara un “máis funcional, sostible, seguro e conectado apoiado na innovación tecnolóxica”.

Publicacións Relacionadas