HomePontevedraPontevedraO PP de Pontevedra esixe melloras urxentes na rúa Meixueiro ante o...

O PP de Pontevedra esixe melloras urxentes na rúa Meixueiro ante o abandono do goberno local do BNG

- Anuncio -spot_img
  • Domínguez reclama a posta en marcha dun plan integral de arranxo do firme da estrada, a substitución dos contedores do lixo, a roza das parcelas de titularidade municipal e a reparación do tendido eléctrico
  • Martínez, sobre un terreo cedido por un veciño para uso público: “O BNG de Lores non habilitou o parque previsto e permitiu que a maleza xa supere a altura dunha persoa”

O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado do concelleiro Martín Martínez, visitou a rúa Meixueiro, na parroquia de Mourente, para reclamar ao goberno local a posta en marcha dun plan integral de mellora neste ámbito urbano que inclúa o arranxo do firme da estrada, a renovación dos contedores do lixo, a roza das parcelas de titularidade municipal e a reparación do tendido eléctrico.

O líder do PP de Pontevedra avanzou que todas estas demandas serán trasladadas polos portavoces populares na próxima Comisión Informativa de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos, dado que responden ás principais preocupacións veciñais dunha zona que “leva moitos anos abandonada polo BNG de Lores”.

Un dos puntos máis sensibles é a situación dunha parcela cedida por un veciño para uso público, onde estaba previsto que o Concello de Pontevedra habilitase un parque. “A realidade é que o BNG non realiza as súas funcións e permitiu que a maleza supere xa a altura dunha persoa. Non é aceptable que o alcalde e os seus concelleiros ignoren as súas obrigas e, por riba, impidan aos veciños e veciñas actuar cos seus propios medios para mellorar as zonas verdes”, sinalou Martínez.

O concelleiro popular engadiu que o desleixamento do goberno local se repite por todos os barrios e as parroquias da cidade. “O BNG pretende agochar esta realidade, falando só do centro histórico, pero a periferia urbana está a sufrir as consecuencias da inacción de Lores nos últimos mandatos. Non podemos permitir que haxa veciños de primeira e de segunda en Pontevedra porque todos pagan os mesmos impostos e, por iso, merecen os mesmos servizos”, reivindicou.

Dende o PP de Pontevedra destacan que a rúa Meixueiro, situada nas proximidades do CEIP Vilaverde-Mourente, é unha zona de crecemento e expansión, na que se están a construír novas vivendas, polo que consideran imprescindible que o Concello actúe con responsabilidade e dote á zona dos servizos mínimos esixibles.

O partido máis votado da cidade entende e comparte o malestar veciñal tras máis de dúas décadas sen renovación do asfaltado, con fochancas cada vez máis perigosas para a mobilidade de persoas, ausencia de rozas nas marxes e cunetas, contedores rotos e insuficientes, e o risco constante pola presenza de cables da electricidade que precisan unha revisión urxente por parte do Concello e da compañía eléctrica.

Publicacións Relacionadas