O Goberno local fará uso do Remanente de Tesourería para construír a nova depuradora de O Fieitoso, impulsar un proxecto para dar unha nova vida ao Campo da Torre e para renovar os vestiarios do Pavillón Municipal, así como a incrementar os recursos para o Servizo de Axuda no Fogar
O alcalde, Jacobo Pérez, salienta a xestión económica “responsable e eficiente” que se está a realizar e que permite destinar fondos propios a “actuacións de gran calado para a veciñanza”
O Goberno municipal de Caldas de Reis destinará aproximadamente 1 millón de euros do seu Remanente de Tesourería para levar a cabo unha batería de obras de gran calado, enfocadas fundamentalmente a mellorar infraestruturas, servizos básicos e a calidade de vida das persoas maiores. Desta maneira, o Concello afianza o labor que está a desenvolver para consolidar estes tres piares dentro da xestión que se está a realizar neste mandato, tal e como sinala o alcalde, Jacobo Pérez.
No Pleno celebrado este mes de xuño aprobouse, grazas aos votos a favor do PSdeG-PSOE e do BNG, e a pesares da abstención do Partido Popular, o uso destes fondos propios. Máis do 80% da contía irá encamiñada a cubrir unha serie de proxectos sobre os que o Goberno caldense xa está a traballar e que, segundo explica Pérez Gulín, experimentarán un avance moi importante no que queda de 2025. Unha das actuacións máis ambiciosas é a construción da depuradora de O Fieitoso, na parroquia de Carracedo, que dará servizo a máis de medio millar de habitantes. Este reforzo na prestación de tratamento de augas contará cun investimento que ascenderá a uns 270.000 euros aproximadamente. O Concello está pendente de acadar os permisos correspondentes de Augas de Galicia para proceder coa licitación e a adxudicación do proxecto.
Outra obra de gran importancia será a transformación da contorna do Campo da Torre, unh espazo que é referente do casco histórico de Caldas de Reis. O Goberno local recorda que é un emprazamento chave dentro do Camiño Portugués cara a Santiago de Compostela, polo que pasan milleiros de peregrinos cada ano. Ademais, tamén está moi vencellado ao río Bermaña. “Imos darlle unha nova vida a esta zona, cun proxecto co que imos potenciar a patrimonio e a natureza deste enclave”, adianta o alcalde. O orzamento será de 200.000 euros.
No apartado de infraestruturas, hai que salientar tamén os 75.000 euros que se destinarán á renovación e mellora dos vestiarios do Pavillón Municipal. Estes traballos servirán para ofrecer unhas instalacións melloradas, máis accesibles e funcionais, que cumpran coas necesidades dos usuarios e usuarias.
Outro apartado no que pon o foco o Goberno municipal á hora de facer uso do Remanente é no benestar das persoas maiores. É por iso polo que se investirán 200.000 euros no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o que supón unha nova medida para potenciar unha prestación que é prioritaria para o Concello. Hai que lembrar que unha vez rematado o verán entrará o funcionamento o novo Fogar do Maior, emprazado nunhas instalacións máis céntricas, modernas e con prazas de estacionamento próximas. “Son pasos que damos para garantir unha maior calidade de vida das nosas e nosos maiores”, recalca Jacobo Pérez, que incide en que todas estas actuacións faranse realidade grazas á “xestión económica eficiente e responsable” que está a levar a cabo o Goberno local. “Grazas a isto podemos destinar recursos propios a facer realidade actuacións de calado, ao tempo que seguimos a traballar da man doutras administracións para facer investimentos que nos axuden a continuar consolidando Caldas de Reis como capital da bisbarra do Umia e referente do interior da provincia de Pontevedra”, conclúe o alcalde, que tamén salienta o feito de que “seguimos a gobernar desde a responsabilidade, pensando na calidade de vida da cidadanía”.