A Choqueirada de Verán da Pobra continúa gañando adeptos. É algo que quedou demostrado ao longo da xornada, con centos de persoas participantes na cita, que vivía hoxe a súa segunda edición. Ante as boas cifras de asistencia acadadas en 2024, o Concello decidiu ampliar o programa da Choqueirada, ofrecendo actividade tanto en horario de mañá como de tarde. En todo caso, con independencia da franxa horaria, a música e os disfraces foron os grandes protagonistas.
Pola mañá, o festexo arrincou cun pasacalles no que Latexo Percusión percorreu as distintas rúas do municipio. A programación retomouse pola tarde coa actuación de dúas bandas: o grupo de versión Rockolas e o trío musical electro-acústico Leite con Jalletas. A música continuará tamén pola noite. Nesta ocasión, por parte do grupo Nebulossa, que interpretará algúns dos seus temas máis coñecidos, incluíndo a canción que os levou a representar a Eurovisión en 2024. O programa pecharase coa macrodisco móbil de Eme Músic.