Ribeira celebrou o Día do Orgullo LGBTI+ cun acto institucional, un día para a reivindicación dos dereitos do colectivo.
O acto foi presidido polo alcalde, Luís Pérez xunto cos membros da Corporación Municipal, o pregoeiro, Rafa Moraña, representantes de asociacións locais; as Amas de Casa, Mulleres en Acción, Renacer, Cruz Vermella e a Cofradía da Dorna.
A concellería de Igualdade xunto co Centro de Información á Muller de Ribeira (CIM), organizaron a programación da xornada. Abriu o acto a súa técnica, Dolores Crujeiras, que dou a benvida ás persoas asistentes e explicou o motivo e o contexto histórico; a continuación Crujeiras pasoulle a palabra á concelleira de Igualdade, Cruz Rivadulla, que comezou coa lectura dun manifesto que leron conxuntamente os diferentes partidos da Corporación onde se reivindicou “a diversidade, a igualdade e os dereitos de todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual, identidade ou expresión de xénero”.
Ao rematar a lectura do manifesto conxunto tomou a palabra o pregoeiro e veciño, Rafa Moraña que comezou falando da súa infancia en Ribeira “ao longo da miña infancia e da miña adolescencia vivín con moitas fantasías e soños a pesar da miña xordeira e é a través dos meus ollos grazas ás películas emitidas nos cinemas Vello e Novo dos irmáns Moraña: Pepe e Amancio. Sentía que estaba preparado para afrontar o mundo e á vida grazas a estas películas”, Rafa tivo palabras de agradecemento para a súa familia de adopción “que me acolleu desde tiña 19 meses”, asemade quixo dar as grazas publicamente “á familia polo que me achegaron unha parte do que son eu: Maruca e Pepe Moraña, sen esquecerme das súas fillas: María Jose, Ana e Bea”.
Moraña invitou á reflexionar o que significa para un sordo ou unha sorda ser unha persoa dentro do colectivo LGTBi+ na vida cotiá, salientou que unha das vantaxes é que están ao marxe dos discursos de odio, de falta de empatía, de respecto, que viven as persoas oíntes e tamén dende os medios de comunicacións, estamentos relixiosos, de certos partidos políticos.
Rafa informou que dentro do movemento asociativo de persoas xordas de España hai 105 LGTBI+, e engadiu “a homosexualidade é normal para nós e grazas, insisto; á falta de contaminación acústica de tipo tóxico”. Tivo palabras para “as saídas do armario” nos pobos e vilas, ”é dicir, aceptar a súa condición sexual debido aos comentarios que escoitaron ao longo da súa vida, por exemplo un neno oe dicir ao seu pai: “É un maricón asqueroso”, isto é perigoso se no caso o neno ten clara a súa opción sexual; e seguramente sufrirá.
Para rematar Moraña agradeceu ao alcalde e ao equipo de Goberno a invitación e o acto lembrando “que o amor non se esconde, a diversidade salta á vista e a liberdade non se negocia”. Apelou ao apoio da veciñanza ao lema desde as organizacións estatais para evitar que sigan as agresións físicas e verbais alcanzando no último ano en España a máis de 800.000 vítimas.
O rexedor local Luís Pérez pechou o acto afirmando que este acto non remata aquí “é, máis ben, unha semente que seguimos regando cada día co noso compromiso e co noso orgullo”.
Pérez Barral reivindicou os dereitos para todas as persoas “vivan onde vivan, sintan como sintan, amen a quen amen”. O rexedor recordou o moito que se avanzou pero salientou que “non todo está conseguido, e que mentres exista discriminación, silencio ou medo, seguiremos loitando”.
Luís Pérez tamén reivindicou unha Ribeira diversa, aberta e respectuosa, “onde non sexa necesario marchar para poder vivir libremente”.
Rematou proclamando: “fronte ao odio, liberdade; fronte ao medo, orgullo; fronte á intolerancia, compromiso”.