HomePontevedraBaixo MiñoThe Rapants pon o broche de ouro á explosión cultural do verán...

The Rapants pon o broche de ouro á explosión cultural do verán no Rosal

- Anuncio -spot_img

O Concello prepara unha programación con 28 días de música, cine, festa e lecer para todos os gustos e idades entre xullo e agosto

Case un mes de cultura, música, cine, tradición e diversión espállanse este verán por todo O Rosal. O Concello prepara unha ambiciosa programación estival con 28 xornadas de actividades que consolida ao municipio como un referente cultural no Baixo Miño. O prato forte da programación chega da man dun dos grupos máis puxantes do panorama musical galego, The Rapants, que actuará o 25 de xullo acompañado pola Banda da Agrupación Musical do Rosal, nun concerto sen precedentes que promete converterse no evento estrela da comarca este verán.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliña a aposta decidida do goberno local por “unha cultura viva, diversa e de calidade, que chega a todos os recunchos do municipio e conecta coas sensibilidades de todas as xeracións”. “Queremos un verán para gozar, sorprenderse e sentirse orgullosas e orgullosos do noso. Esta programación é o froito do traballo conxunto do Goberno municipal con asociacións culturais, colectivos e artistas, que fan do Rosal un lugar onde a cultura está moi presente todo o ano, pero que no verán se converte nun auténtico estoupido de actividade”, destaca a rexedora.

A proposta deste ano mantén iniciativas xa consolidadas como Cultura polos Barrios, Tardeos na Praza, o Festival Xente Xida, o tradicional Encontro dos Pobos organizado por Do lusco ó fusco, a Mostra de Cinema ou O Rosal Cámara Fest en colaboración coa Agrupación Musical do Rosal. Ademais, regresan as Festas do Verán do Pilar e os actos da Feira do Viño do Rosal, sen esquecer unha programación infantil que inclúe espectáculos de danza, monicreques e mesmo unha divertida xincana acuática.

O concelleiro de Cultura, Carlos Villanueva, puxo o foco na variedade e calidade das propostas, xa que “O Rosal ofrece 28 días de cultura en estado puro, con artistas locais, galegos e internacionais. A colaboración coa AMDOR para o concerto conxunto de The Rapants é unha mostra do potencial creativo que temos no noso tecido cultural, como xa se demostrou o ano pasado do concerto de Fillas de Cassandra. E a presenza do Septeto Santiaguero, con dous Grammy Latinos, eleva aínda máis o listón”.

Os Tardeos na Praza chegarán con nomes como Nacho Mastretta ou un emotivo tributo a Sabina, mentres que a sexta edición do Rosal Cámara Fest levará de novo a música de cámara a espazos singulares do municipio. Pola súa parte, a Mostra de Cinema do Rosal organizada pola asociación Ghorghalado amplía horizontes cunha programación que combinará as proxeccións de curtas en San Xoán de Tabagón con sesións itinerantes polos barrios, Goián ou Camposancos.

Na completa programación cultural e de lecer para este verán no Rosal non faltarán os espectáculos pensados para os máis novos e novas, con actividades como danza, monicreques ou unha divertida xincana acuática.

A programación ao completo estará dispoñible nos próximos días nas redes sociais e web do Concello. Dende a música ao aire libre ata o cinema comunitario, pasando por tradición, diversidade e novas creacións, O Rosal propón 28 razóns para vivir un verán inesquecible.

Publicacións Relacionadas