O Concello de Ribeira, a través do concelleiro de novas tecnoloxías, Francisco Suárez-Puerta, informa á cidadanía da detección de perfís falsos na rede social Facebook que estarían a suplantar a identidade de servizos de transporte público en distintos concellos galegos.
Esta información foi trasladada ao Concello polo Servizo de Vixilancia Dixital, que advirte de que estes perfís están a difundir mensaxes e imaxes cunha suposta oferta dunha tarxeta de transporte por 2 €, coa promesa de realizar viaxes ilimitadas durante seis meses. Estes anuncios inclúen ligazóns maliciosas que supoñen un risco para a seguridade dos usuarios.
Dende o Concello de Ribeira queremos poñer esta situación en coñecemento da veciñanza e lembramos a importancia de contrastar sempre a información a través de fontes oficiais. Así mesmo, recomendamos consultar unicamente os canais institucionais e os procedementos lexítimos establecidos polas administracións e empresas responsables do servizo de transporte.
A prevención e a concienciación cidadá son, nestes casos, a mellor defensa fronte a este tipo de fraudes dixitais.