A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria deste luns a convocatoria das axudas para subministración eléctrica, promovida pola Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade no ano 2021 para dar resposta ao encarecemento do prezo da luz e garantir o acceso de toda a poboación a un servizo básico como é a electricidade. Nestes catro anos concedéronse un total de 408 subvencións.
A liña de axudas á subministración eléctrica está concibida como un mecanismo de apoio económico para garantir o acceso á enerxía eléctrica ás familias con menores ingresos e evitar deste xeito a denominada “pobreza enerxética”.
- Poderán ser beneficiaras as persoas que cumpran cos seguintes requisitos:
- Maiores de 18 anos ou menores emancipadas.
- Empadroadas en Carballo cunha antigüidade mínima de seis meses antes da convocatoria das axudas.
- Ser beneficiarias do bono social de electricidade como mínimo desde tres meses antes da convocatoria ou recibir osixenoterapia domiciliaria ou diálese peritoneal domiciliaria como mínimo durante seis meses antes da convocatoria.
As solicitudes só poderán facerse no formulario específico e unicamente serán válidas as que se presenten no prazo establecido, que empezará a contar a partir da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). As familias beneficiarias recibirán un pago único de 200 euros. Estas subvencións son compatibles coas liñas de axuda que poidan convocar outras Administracións.