HomeXunta de GaliciaA Xunta incrementa nun 4,3% a oferta de FP na área da...

A Xunta incrementa nun 4,3% a oferta de FP na área da Coruña con case 10.000 prazas de novo ingreso

- Anuncio -spot_img

— A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visita os institutos Menéndez Pidal e a Sardiñeira, onde pon en valor os novos ciclos formativos e másteres

— Presenta a ferramenta OPI Orienta, que facilita información sobre as posibilidades da FP para solicitar praza ata 2 de xullo

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou hoxe os institutos IES Ramón Menéndez Pidal e IES A Sardiñeira, na Coruña, para poñer en valor as novidades da oferta de FP do vindeiro curso e presentar as novas ferramentas dispoñibles para ofrecer orientación sobre estas ensinanzas. Neste sentido, salientou que na área de Coruña se ofertan 9.898 prazas de novo para o vindeiro curso, un 4,3% máis ca no ano académico 2024/25, e recordou que o período para solicitar praza está aberto ata o 2 de xullo.
No caso do Menéndez Pidal, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou que o centro oferta ata catro proxectos de FP Dual Intensiva, dos que un deles, o ciclo de grao superior en Márketing e publicidade especializado en servizos e produtos inmobiliarios (30 prazas), é un título de alta especialización.
“Trátase de itinerarios formativos, formados por combinación de dous títulos distintos, que atenden necesidades e demandas específicas dos sectores produtivos”, explicou a directora xeral. “En total, ofértanse 775 prazas en titulacións de alta especialización para o vindeiro curso, un incremento de máis do 24% respecto do que acaba de rematar, para reafirmar a nosa aposta por este tipo de formación, que é único e pioneiro en Galicia”, detallou.
O IES Ramón Menéndez Pidal oferta tamén oferta outras 90 prazas en ciclos de FP Dual Intensiva divididas entre o de grao medio en Comercialización de produtos alimentarios e os de grao superior en Xestión de vendas e espazos comerciais e Transporte e loxística, todos eles en colaboración con ata 19 empresas relevantes da contorna, de Galicia e incluso a nivel nacional.
A directora xeral animou aos estudantes a inscribirse nestas opcións formativas e lembrou que esta modalidade inclúe formación en empresa remunerada e conta cunha inserción laboral de case o 100%. Así mesmo, explicou que este instituto incorpora tamén este ano á súa oferta o ciclo de grao básico en Servizos comerciais.
OPI Orienta
No transcurso da súa visita ao IES A Sardiñeira, a directora xeral presentou a ferramenta de orientación profesional virtual OPI Orienta, unha innovadora aplicación tecnolóxica baseada na intelixencia artificial que ofrece orientación académica e profesional personalizada aos alumnos. Segundo explicou, os estudantes poden consultar cun holograma adestrado con IA as posibilidades da FP. “Está deseñada cunha linguaxe adaptada a cada etapa para guiar ao alumnado na configuración do seu itinerario académico e profesional”, sinalou.

O Instituto A Sardiñeira, xunto co de Teis (Vigo) e os centros integrados de FP CIFP As Mercedes (Lugo) e A Farixa (Ourense), son os primeiros centros en contar con OPI Orienta, que se incorpora aos centros coincidindo con este período de matrícula para facilitar a toma de decisións por parte do alumnado e enmárcase no Plan FPGal360 de orientación profesional integral.

Ademais de servir como apoio ao alumnado e ás familias, OPI constitúe tamén unha ferramenta útil para o tecido produtivo e as entidades de orientación laboral, xa que facilita a identificación de perfís profesionais axeitados segundo as necesidades específicas de cada empresa.

No que atinxe á oferta do centro, destacou as 66 prazas na modalidade Dual Intensiva no ciclo de grao superior en Química Industrial, da man das empresas Hijos de Rivera, Regasificadora del Noroeste e Repsol.

Publicacións Relacionadas