As gañadoras, que recibirán cada unha 1.000 euros, foron Dores Tembrás por “Iluminadas. A orde violeta” en galego e Alba Chaves Abelleira por “La mayor y la peor” en castelán
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, entregou os premios no exterior do Pazo provincial
A Deputación de Pontevedra acolleu este luns no exterior do Pazo provincial o acto de entrega da terceira edición dos premios de opinión xornalística #MulleresQueOpinan, unha acción complementaria a “As mulleres que opinan son perigosas” que premia os mellores traballos sobre as temáticas que se abordaron na edición deste ano do congreso. O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, que asistiu ao acto xunto coa deputada de Igualdade, Sandra Bastos, foi o encargado de entregar os premios xunto coa concelleira de Igualdade de Pontevedra, Anabel Gulías. Estes recaeron en Dores Tembrás polo artigo “Iluminadas. A orde violeta” na modalidade en galego e en Alba Chaves Abelleira por “La mayor y la peor” na modalidade en castelán.
#MulleresQueOpinan pretende promover o exercicio da opinión xornalística por parte das mulleres, así como fomentar o nacemento dunha nova canteira de opinadoras. Rafa Domínguez sinalou que con esta iniciativa “amosamos que as mulleres deben ocupar espazos no xornalismo de opinión e nos postos directivos dos medios, fomentando espazos onde as voces das mulleres sexan benvidas, escoitadas e recoñecidas non só nos medios, senón nas institucións públicas e todos os eidos da sociedade”. O vicepresidente provincial sinalou o éxito da convocatoria, onde se recibiron un total de 12 artigos en castelán e 10 en galego, e trasladou os seus parabéns ás dúas gañadoras, que recibirán un premio de 1.000 euros cada unha.
O vicepresidente puxo en valor que o encontro “As mulleres que opinan son perigosas” pon o foco en cuestións “como a sobreinformación e a desinformación, que dificultan que unha sociedade sexa libre e estea ben informada”, e sinalou que ambas as dúas “redundan nas principais problemáticas da sociedade, como a violencia de xénero e a desigualdade”. Neste sentido, Domínguez lembrou que “ante este mes negro para a violencia de xénero, con cinco asasinatos en 24 horas, debemos insistir en que existe e ten consecuencias catastróficas”. Por este motivo, o vicepresidente da Deputación asegurou que “a igualdade é un obxectivo irrenunciable do noso goberno e non imos escatimar esforzos nin recursos para conseguilo”, xa que “como indica o lema da Bienal da Arte de Pontevedra queremos que o mundo volva ser humano deixando atrás as loitas e abrazando os valores entre os cales, por suposto, está a igualdade”.
Os Premios #MulleresQueOpinan son unha iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontevedra á que se puideron presentar artigos de opinión sobre a propia experiencia como espectadora ou asistente, así como as temáticas que nel se abordaron, tanto nos relatorios como nas roldas de preguntas. Os artigos, que tiñan que ser orixinais e escritos por mulleres, podían ser inéditos ou de xornalistas que cubriran as xornadas e publicaran nos medios onde traballan.