HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López recoñece o papel “vital” de colectivos como Afapo para avanzar...

Luis López recoñece o papel “vital” de colectivos como Afapo para avanzar en Benestar Social, no que a Deputación investiu 11,5M€ en dous anos de mandato

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial, acompañado polo deputado Jorge Cubela, participa na inauguración da nova sede deste colectivo de atención a persoas con Alzhéimer ou demencia e aos seus familiares en Pontevedra

“Entidades como Afapo son a canle para que o apoio público de organismos como a Deputación chegue tamén ás familias”, afirma Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirmou o compromiso do organismo para seguir tendendo pontes con colectivos como Afapo (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Pontevedra), que velan polo benestar social, a inclusión e a mellora da calidade de vida das persoas que sofren alzheimer ou calquera tipo de demencia; na estrea da súa nova sede na rúa Gorgullón, en Pontevedra. No acto de inauguración do novo centro de atención aos usuarios, no que participou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o mandatario provincial salientou o compromiso da Deputación no eido do Benestar Social, no que leva investido nestes dous anos de mandato preto de 11,5 millóns de euros. “Afapo é unha entidade vital, cunha traxectoria de 20 anos de excelencia, para que esta cidade e esta provincia sexan referencia en inclusión, en conciliación e en calidade de vida”, afirmou Luis López nun acto no que estivo acompañado polo deputado Jorge Cubela.

Despois de completar un percorrido polas instalacións da nova sede guiada polo presidente de Afapo, Jose Manuel Fontenla, para saudar aos traballadores e usuarios, coñecer polo miúdo as liñas mestras do proxecto de Afapo, as atencións que prestan aos seus usuarios e os seus obxectivos de futuro; o dirixente provincial recoñece que o labor deste colectivo “require dun enorme esforzo, tanto en medios materiais como humanos e económicos”. Razóns polas que Luis López remarcou a importancia da colaboración entre as administracións públicas e estes colectivos sociais. “Contribúen a que as persoas con demencia ou alzheimer poidan levar unha vida plena e integrada na sociedade, dedican o seu tempo e recursos ao coidado das persoas e familias que padecen unha das enfermidades máis crueis que poden existir e son a canle para que o apoio público de organismos como a Deputación chegue tamén ás familias”, agradeceu López o labor de todas as persoas que forman parte de Afapo.

Neste sentido, o presidente da Deputación repasou tamén os recursos que leva destinando o ente provincial ao ámbito do Benestar Social ao longo destes dous anos de mandato, no que a Deputación destinou máis de 7,4 millóns de euros aos concellos, para cofinanciar os servizos sociais e prestar axudas básicas de emerxencia; máis de 2 millóns de euros a programas de colaboración con entidades como Afapo, que recibe cada ano unha axuda duns 20.000€ para o seu programa de terapias non farmacolóxicas para pacientes con demencia; ou os preto de 2 millóns de euros para programas provinciais como +Convivencia, +Benestar, Provincia +Inclusiva, Lecer en Familia ou Provincia Activa.

“Reafirmar o compromiso da Deputación con este colectivo vital non só é unha obriga, senón un exercicio de responsabilidade e un modo de agradecer e valorar o labor que levan facendo desde hai máis de dúas décadas”, concluíu o presidente Luis López, que reiterou o compromiso da Deputación para seguir tendendo pontes con Afapo.

Publicacións Relacionadas