As solicitudes do programa Provincia +Inclusiva, que este ano está dotado con 30.000 euros máis que no 2024, poden realizarse a través da sede electrónica da institución provincial
A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o próximo luns 7 de xullo o prazo para solicitar as axudas do programa Provincia +Inclusiva, coas que entidades de toda a provincia poderán financiar actuacións de accesibilidade universal. O programa está dotado con 210.000 euros, 30.000 euros máis que no 2024, e as solicitudes poden presentarse a través da sede electrónica da institución provincial.
A través destes recursos provinciais, as entidades poderán afrontar melloras da accesibilidade en inmobles da súa titularidade ou os custos de redacción das memorias técnicas destes proxectos. As que resulten beneficiarias poderán recibir ata 10.000 euros para sufragar os gastos de eliminación de barreiras arquitectónicas ou de adquisición de axudas técnicas e sistemas inclusivos de comunicación. Tamén adquirir sistemas de comunicación ou axudas técnicas relacionadas coa mobilidade e co coidado persoal, entre eles camas articuladas, colchóns antiescaras, plataformas d sistemas elevadores, dispositivos motorizados para subir escaleiras ou cadeiras de rodas. O importe máximo das axudas que recibirán non poderá superar o 80% do orzamento da actuación.
Para poder beneficiarse destas axudas, as entidades deben estar rexistradas como titulares ou xestoras de centros ou programas de servizos sociais nas áreas de inclusión, maiores e/ou discapacidade. Con este programa, a Deputación busca colaborar co tecido asociativo para eliminar a discriminación e as barreiras que impiden a participación activa de todas as persoas en condicións de igualdade e autonomía.