A piscina municipal ao aire libre de San Eleuterio abre mañá oficialmente as súas portas e estará operativa durante os meses de xullo e agosto, ofrecendo un espazo de lecer, deporte e convivencia para toda a veciñanza.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Deportes, Feli Rodríguez, achegáronse hoxe ata as instalacións para supervisar o inicio da tempada e que estea todo a punto para os usuarios e usuarias que a partir de mañá poderán acceder á instalación.
Ademais do uso libre da piscina, a instalación acolle durante as mañás sesións monitorizadas incluídas no programa municipal ‘Exercítate no verán’, que se imparten de 11.00 a 11.45 horas os martes e xoves, ou ben os mércores e venres. Xa están as 60 prazas dispoñibles cubertas.
O horario de baño libre será de 12.00 a 21.00 horas de luns a venres e de 12.00 a 20.00 horas durante os sábados, domingos e festivos. A piscina contará con servizo de socorrismo, vestiarios con duchas de auga quente e persoal de mantemento e limpeza ao longo de toda a tempada.
Trátase dun dos espazos máis concorridos do verán en Mos, especialmente polas familias do municipio, que cada ano fan uso diario destas instalacións para refrescarse e gozar do tempo libre en comunidade.
Desde o Concello lémbrase tamén que continúan abertos os Parques da Auga da Pesqueira e de Sanguiñeda, operativos todos os días en horario de 12.00 a 14.00 horas pola mañá e de 16.00 a 21.00 horas pola tarde.