Xa está en marcha unha nova edición de Biblioverán, do 24 de xuño ata o 18 de setembro, aterra en Soutomaior este servizo a través do cal a Biblioteca Pública Luís Seoane se traslada as diferentes zonas de baño do concello con actividades para todos os gustos.
A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, presentou este servizo de extensión bibliotecaria que ata o 18 de setembro se desenvolverá nas praias do Peirao, e un ano máis, tamén chegará a Veiguiña Longa, en Comboa, e á Xunqueira de Arcade. Lugares, todos eles, onde se ofreceu non só un espazo para a lectura ao aire libre, senón tamén un espazo onde se levarán a cabo diferentes actividades de animación á lectura onde haberá contadas de contos, teatro, diferentes obradoiros, préstamos e devolucións de libros e lecturas compartidas. Toda a programación completa en https://soutomaior.gal/programacion-biblioveran-2025/
De tal xeito, Biblioverán aterrará, sempre en horario de 17:30 a 20:00h., os martes na praia da Muxeira, no Peirao de Arcade, os mércores na Veiguiña Longa, en Comboa e os xoves na Praia da Xunqueira de Arcade.
A concelleira de Cultura de Soutomaior, Silvia Cernadas, destacou que “o Biblioverán xa é un programa asentado na axenda cultural de Soutomaior durante a época estival, e así o amosa a boa acollida que tivo nos últimos dous anos, polo tanto este ano volvemos a levar este servizo as principais zonas de baño do concello, a novidade neste 2025 está nas actividades de dinamización onde haberá obradoiros de monicreques, contos teatralizados e contadas en inglés”.
O obxectivo desta iniciativa é o de manter o hábito lector durante a época estival. Así nestes espazos realizaranse préstamos de libros, devolucións, lecturas in situ e moito máis sen ter que desprazarse ao local da biblioteca.
Dende a Biblioteca Municipal e a concelleira de Cultura están máis que satisfeitos con esta actividade e con poder dar servizos bibliotecarios fora do espazo da biblioteca.