- A colaboración da Xunta coa entidade ascende a preto de 600.000 euros, incluíndo a financiación de case a metade do custo do novo centro
- A nova convocatoria de axudas sociais publicouse hoxe no DOG, cunha achega que se incrementará ata os 35,5 millóns de euros
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na apertura do novo centro da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Pontevedra e Comarca (Afapo), onde puxo en valor o compromiso firme da sociedade galega e do Goberno autonómico coas persoas que padecen alzhéimer e outras demencias, así como coas súas familias.
Rueda salientou a evolución e o labor exemplar de Afapo ao longo de máis de dúas décadas, resaltando que este novo espazo simboliza a capacidade de superación dunha entidade que comezou con recursos limitados e que hoxe pode atender ata 200 usuarios, fronte aos 25 que atendía hai apenas cinco anos. O titular do Goberno galego atribuíu este crecemento á calidade e dedicación do traballo de Afapo, así como á confianza xerada entre as familias e ao valor dos servizos que presta.
O presidente referiuse tamén ao apoio da Xunta á entidade, lembrando que, desde 2012, lle confía a xestión do centro de día de alzhéimer en Pontevedra, con 35 prazas públicas, e que se concertaron outras 20 prazas nos centros de Moraña e Marín.
Neste contexto, subliñou a importancia destas axudas sociais, cun orzamento inicial de 33,2 millóns de euros, pero que prevé incrementarse ata os 35,5 millóns na nova convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia. Estes fondos posibilitarán que entidades como Afapo continúen mellorando instalacións e desenvolvendo programas de atención.
Rueda reafirmou a aposta da Xunta polo tecido asociativo galego, ao que definiu como un aliado clave para construír unha sociedade máis igualitaria e sensible coas persoas maiores, as persoas con discapacidade e as familias en situación de vulnerabilidade.
Así mesmo, lembrou que o alzhéimer é a principal causa de discapacidade e dependencia nas persoas maiores con máis de 70.000 afectados en Galicia e uns 5.000 novos diagnósticos cada ano, polo que considerou imprescindible apoiar ás familias e aos profesionais que traballan para mellorar a calidade de vida dos doentes.
Finalmente, puxo en valor a rede galega de centros de día especializados, pioneira en España, e garantiu que o Goberno autonómico seguirá reforzando esta infraestrutura e colaborando coas entidades sociais para garantir un modelo de coidados baseado na proximidade, a personalización e a dignidade das persoas.