HomePontevedraO SalnésO BNG acusa a Telmo Martín de agravar o desmantelamento do Servizo...

O BNG acusa a Telmo Martín de agravar o desmantelamento do Servizo Municipal de Emerxencias ata poñer en risco a seguridade da veciñanza e dos turistas

- Anuncio -spot_img

Na última fin de semana de xuño só houbo un profesional de garda durante 12 e un máximo de dous, o que impediu que puidesen actuar en varias incidencias rexistradas durante eses días, entre os que se rexistraron accidentes de tráfico e o rescate dun bañista

Os nacionalistas denuncian que o Goberno do Partido Popular segue sen proporcionar EPIS aos profesionais, o que impide que poidan actuar en incendios forestais

Telmo Martín continúa poñendo en risco a seguridade da veciñanza de Sanxenxo, así como dos milleiros de persoas que visitan o noso municipio no verán. Así o denuncia o grupo local do Bloque Nacionalista Galego (BNG), que desvela que o Servizo Municipal de Emerxencias só contou durante 12 horas (media quenda) cun profesional operativo, e só con dous durante boa parte da fin de semana. Este feito impediu que o corpo de seguridade puidese actuar en varias incidencias rexistradas no concello durante a última fin de semana de xuño, entre as que se incluíu o rescate dun bañista na praia da Panadeira, a atención a unha persoa que sufríu unha lesión no Porto Deportivo ou acudir a un accidente de tráfico con feridos. O voceiro do grupo da oposición, Fran Leiro, criticou duramente ao alcalde, de quen di que “o desprezo co que está a tratar aos e ás profesionais do Servizo de Emerxencias o único que fai é deixar á cidadanía á súa sorte. Só nos queda agardar que a súa incapacidade de xestión e o seu ego non provoquen ningunha desgraza”.

O Goberno do Partido Popular continúa a incumprir a sentenza que insta ao Concello a contar cun mínimo de tres persoas de garda en Emerxencias para poder atender unha incidencia en condicións. Unha resolución que chegou hai máis dun ano, a raíz dunha denuncia que se viron na obriga de presentar os e as integrantes deste corpo de seguridade, dados os flagrantes incumprimentos realizados polo alcalde en varias ocasións. Os nacionalistas denuncian que “o señor Telmo Martín segue insistindo en centrarse exclusivamente na súa política de formigón, ao tempo que despreza un servizo que salva vidas e que é especialmente necesario no verán, cando Sanxenxo multiplica case por dez a súa poboación”.

Outro feito que desvela o BNG é que o Goberno local non facilita ao Servizo Municipal de Emerxencias os Equipos de Proteción Individual (EPIS) necesarios para garantir a súa seguridade en diferentes operativos. Todo maila que xa foron solicitados hai varios meses. Isto impide, por exemplo, que os e as profesionais poidan actuar no caso de que se rexistre un incendio forestal. “É un risco tremendo, tendo en conta que nos atopamos nunha época proclive ao lume, máxime coas altas temperaturas e a falta de choiva que se están a rexistrar nas últimas semanas”, critica Fran Leiro, que carga contra o alcalde por permitir esta situación. “O Concello gasta miles de euros en bandeiras azuis para as praias, pero non hai investimentos para garantir a seguridade e o material necesarios para Emerxencias”.

Desde o Bloque amosan a súa preocupación pola deriva que está a provocar Telmo Martín en materia de seguridade e instan ao alcalde a que aclare como vai garantir esa seguridade durante o verán, especialmente cando se celebren eventos multitudinarios, como os concertos programados na Praza do Mar. Todo apunta a máis sobrecustes, como sucedeu coa festa de Fin de Ano de 2024, cando se pagaron miles de euros por un servizo que podería ter feito Emerxencias. “Reforzar o número de auxiliares da Policía Local é necesario, pero non suficiente para garantir o benestar de milleiros de persoas”, conclúen os nacionalistas, que instan a Telmo Martín a que “deixe de lado o seu orgullo” e negocie unha solución “digna e axeitada” para acabar cos problemas que están a padecer os e as integrantes do Servizo Municipal de Emerxencias, “cuxa profesionalidade quedou máis ca demostrada sempre que tiveron que actuar”.

Publicacións Relacionadas