HomePontevedraDezaEquina Galicia 2025, unha cita referente para o mundo do cabalo que...

Equina Galicia 2025, unha cita referente para o mundo do cabalo que reunirá competición, espectáculo e aprendizaxe do 11 ao 13 de xullo

- Anuncio -spot_img
  • O PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE CRIADORES DE CABALOS ESPAÑOIS DE GALICIA (ACCEGA), MANUEL BENAVIDES, E O DIRECTOR DA FUNDACIÓN SEMANA VERDE DE GALICIA, RICARDO DURÁN, DETALLARON HOXE A PROGRAMACIÓN DESTA UNDÉCIMA EDICIÓN
  • O SEU CONCURSO MORFOFUNCIONAL, EIXO CENTRAL DO EVENTO E CO NIVEL MÁIS ALTO NESTE TIPO DE PROBAS, CONTARÁ CON EXEMPLARES DAS MELLORES GANDERÍAS NACIONAIS E ALGUNHAS INTERNACIONAIS, ENTRE ELAS DE ITALIA, FRANCIA, BÉLXICA, MEXICO OU COSTA RICA
  • ESTA CITA ECUESTRE, QUE SERÁ NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA, CONTARÁ CON OUTROS IMPORTANTES CONCURSOS CENTRADOS EN DOMA CLÁSICA, ENGANCHES E EQUITACIÓN DE TRABALLO, ADEMAIS DOUTRAS ACTIVIDADES

Equina Galicia celebrará a súa undécima edición do 11 ao 13 de xullo no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra). Unha cita da que hoxe detallaron a súa programación Manuel Benavides, presidente da entidade organizadora, a Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA), e Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde de Galicia, colaboradora do evento.

Equina 2025 acollerá seis destacadas competicións, ademais doutras propostas con gran atractivo, conformando unha importante cita no mundo do cabalo que para Manuel Benavides tamén o é para a comarca desde o punto de vista económico, polo gran número de participantes, a súa procedencia e a súa longa estancia. Algo que, sinala, prodúcelle gran satisfacción, por poder “devolver á comarca parte do compromiso, agarimo e atención que esta lle ten dado a Equina”. Un evento que Ricardo Durán está “encantado” de acoller de novo nas instalacións da Feira Internacional de Galicia ABANCA e do que destaca o seu crecemento “en calidade ano a ano”, á vez que pon en valor o escenario principal das súas actividades, o ring verde do recinto. Sobre el sinala o seu completo equipamento, que inclúe bancadas cubertas, amplas cortes para cabalos e pista de quecemento, entre outros servizos.

Equina terá como eixo principal o XI Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, o cal volveu a conseguir para esta edición a categoría tres estrelas. Así, por cuarto ano consecutivo a Real Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE) concedeulle o máximo nivel neste tipo de competicións, o cal supón un gran atractivo para a participación das mellores ganderías nacionais e tamén doutros países. De modo que, se ben aínda se pechan hoxe as inscricións, están confirmados xa participantes de toda España e tamén de Italia, Francia, Bélxica, México ou Costa Rica.

Un nivel nos participantes que cada vez é maior e que supuxo que nesta edición se empecen a recibir exemplares xa o mércores previo ao comezo do concurso, para que, como indica Benavides, “podan descansar máis antes de comezar a competición” e estean en “mellores condicións” para responder á esixencia do concurso”.

Esta proba, que se levará a cabo durante os tres días de Equina, será clasificatoria para a final do Campionato do Mundo, a cal se celebrará en Sevilla do 18 ao 23 de novembro, no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB).

Doma, enganches e equitación de traballo

Ademais do concurso morfofuncional, Equina 2025 contará con outras cinco competicións. Tres delas son xa citas consolidadas no calendario nacional de doma, sendo a XXVI Copa Accega, o Territorial da Federación Hípica Galega e o VII Trofeo Xunta de Galicia – Medio Rural de Doma Clásica, as cales suman en cada edición o dobre de binomios que en calquera outro evento de doma en Galicia.

As dúas competicións restantes corresponderanse cunha das probas do Campionato Galego de Enganches e coa II Proba da Federación de Equitación de Traballo. Esta última dá este ano un salto cualitativo e pasa a contar con categoría nacional, con participantes de todo o territorio nacional e tamén de Portugal.

Sumarase unha conferencia que, por primeira vez, incluirá unha mesa redonda posterior na que intervirán destacados nomes do mundo do cabalo e que se titulará “O cabalo, proxección deportiva e condicións de traballo na biodiversidade das ganderías”.

Por outra banda, recuperarase o bautismo hípico, pensado especialmente para os nenos das comarcas de Deza e Tabeirós -Terra de Montes co obxectivo de fomentar a equitación como deporte, e tamén para persoas con discapacidade ou alteracións intelectuais e motoras, para as cales o contacto con estes animais supón melloras cognitivas, físicas e emocionais. Nesta actividade, con cabalos cun adestramento especial para ambos os obxectivos e que será conducida polo Club Hípico Amazonas (Ponte Caldelas), outorgaranse diplomas e medallas aos participantes.

Ademais, a entrega de premios do domingo estará amenizada pola agrupación Gaiteiros da Pereiriña, da parroquia silledense de Ansemil-Martixe.

Todo iso nunha completa edición de Equina cuxa entrada será gratuíta e que contará co apoio de distintas consellerías da Xunta de Galicia, fundación Deporte Galego, Deputación de Pontevedra, Concello de Silleda, distintas adegas das denominacións de orixe Ribeira Sacra e Rías Baixas, a firma de alimentación ecuestre Pavo e a empresa silledense de alimentación animal Nudesa, ademais da colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia.

Publicacións Relacionadas