HomePontevedraCaldasA ludoteca de verán de Caldas de Reis inicia unha nova edición...

A ludoteca de verán de Caldas de Reis inicia unha nova edición cun incremento de usuarios e usuarias do Plan Madruga

- Anuncio -spot_img

Preto de 200 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos gozan hoxe dun servizo que busca promover e facilitar a conciliación entre as familias do municipio

O alcalde, Jacobo Pérez, visitou ás crianzas na xornada inaugural e lembrou que esta prestación leva activa máis de 15 anos

O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, deu este martes a benvida aos cativos e cativas que participarán durante os meses de xullo e agosto nunha nova edición da Ludoteca de Verán, un servizo que pon en marcha, un ano máis, o Concello co obxectivo de facilitar e promover a conciliación familiar e laboral entre as familias da capital da comarca durante o período estival. Este programa conta cunha subvención do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia.

Durante este mes de xullo serán preto de 200 os nenos e nenas que tomarán parte nunha actividade que leva máis de 15 anos en marcha e que, tal e como recalcou o rexedor socialista, “para este Goberno local é unha prioridade, dada a necesidade de facilitar ferramentas a moitas nais e pais do noso concello que teñen dificultades para conciliar a súa vida familiar coas súas obrigas profesionais nesta época do ano, máxime nun lugar coma Caldas de Reis, onde a taxa de paro cada vez é máis baixa”. Unha das cuestións que destacou Pérez Gulín foi o incremento na demanda á hora de contratar o Plan Madruga, que se implantou por primeira vez en edicións previas e que nesta convocatoria contará con máis de 20 usuarios e usuarias. Cómpre lembrar que no mes de agosto serán 100 as prazas que se oferten para a Ludoteca de Verán. A iniciativa desenvólvese nas instalacións do CPI Alfonso VII, en horario de 8.30 a 14.30 horas, de lunes a venres. Con respecto ao Plan Madruga, ficará operativo desde as 7.30 ás 8.30 horas. Con respecto aos prezos, a cota mensual é de 65 euros, con descontos a familias numerosas ou que inscriban a dous ou máis irmáns. O custe da quinquena é de 45 euros. No caso do Plan Madruga, a tarifa é de de 35 euros con almorzo e 20 sen almorzo. Os usuarios e usuarias teñen a posibilidadde contratar este servizo durante medio mes con almorzo (20 euros) ou 15 días sen (15 euros). Asemade, o Concello lembra que as familias que incluídas nos programas de Servizos Sociais contan cunha bonificación na inscrición do 50%.

A Ludoteca de Verán está dirixida a crianzas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Ademais da conciliación, coas actividades que se organizan durante a tempada estival tamén se busca acadar outros obxectivos, como fomentar valores axeitados de igualdade e respecto polo medio ambiente aos nenos e nenas, ao tempo que se promove o coñecemento do propio concello.

Para iso, organízanse diferentes visitas e excursións en xullo e agosto.
Precisamente, unha das novidades desta edición será un maior número de saídas para coñecer espazos públicos de Caldas de Reis, así como propostas deportivas. “Os nenos e nenas teñen ocasión de seguir en contacto coas súas amizades durante as súas vacacións e participar en moitas iniciativas baseadas no respecto, o compañeirismo e o coñecemento da contorna, a través de propostas orixinais e divertidas”, sinala o Jacobo Pérez.

Publicacións Relacionadas