- A comunidade galega rexistra en xuño 107.254 persoas desempregadas, o nivel de paro máis baixo de toda a serie por terceiro mes consecutivo, con 4.387 persoas paradas menos que no mes de maio deste ano
- Ademais, conta con 1.102.651 afiliados á Seguridade Social, 17.780 máis en relación a hai un ano e cunha suba de 7.844 a nivel mensual creando máis emprego que a media estatal no último mes
- Galicia é a comunidade autónoma na que máis baixa o paro no último ano en termos relativos avantaxando en tres puntos a media estatal e no caso da evolución mensual a vantaxe é de case dous puntos sobre a media de España
- O paro cae no último ano nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en todos os sectores de actividade, liderando a caída o sector primario, seguido da construción, da industria e, por último, do sector servizos
- No caso dos colectivos prioritarios, tanto as mulleres, como menores de 30 anos e parados de longa duración teñen o desemprego en mínimos históricos
Galicia rexistra en xuño por terceiro mes consecutivo o nivel de desemprego máis baixo desde que hai rexistros (1996). Con 107.254 persoas paradas é a primeira vez que baixa dos 110.000 cunha redución tanto na evolución anual (-9,06%) como na mensual (-3,93%). Só neste último mes rexistráronse 4.387 persoas paradas menos e, tanto nos termos anual como mensual, a baixada foi a un ritmo superior ao reflectido na media do Estado. Ademais, acada o mellor nivel de afiliacións á Seguridade Social ao superar por primeira vez a barreira dos 1.100.000 cotizantes. En concreto, conta con 1.102.651 afiliados (+7.844 respecto a maio).
Así o destacou hoxe o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, na valoración dos datos relativos ao mes de xuño. O conselleiro tamén puxo de relevo que Galicia é a comunidade na que máis baixou o paro no último ano en termos relativos, avantaxando en tres puntos a media estatal (-6,06%) e no caso da evolución mensual a vantaxe é de case dous puntos sobre a media de España (-1,99).
En canto ás afiliacións á Seguridade Social, o titular de Emprego destacou ademais que Galicia conta con 17.780 afiliacións máis en relación a hai un ano. A nivel mensual tamén soben, sendo 7.844 afiliacións máis e creando máis emprego que a media estatal (+0,7 respecto a 0,35%).
A isto engadiu que o bo comportamento do mercado laboral galego é transversal ás catro provincias e ás 7 cidades. De feito, na evolución anual o paro cae nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en todos os sectores económicos, liderando a caída o sector primario (-13,77%), seguido da construción (-13,35%), da industria (-12,19%) e, por último, do sector servizos (-8,17%).
Mínimos históricos de desemprego nos colectivos prioritarios
En relación cos colectivos prioritarios, José González puxo de relevo a boa evolución dos datos. Tanto no caso das mulleres, como no de menores de 30 anos e no de parados de longa duración, rexístrase a cifra máis baixa de desemprego de toda a serie histórica (maio 2005). No caso do desemprego feminino -63.251 persoas- a redución anual é do -8,40%, a caída do paro nos menores de 30 anos -11.343- é dun -8,16% e a de parados de longa duración redúcese un -10,01% sendo de 55.414.
Neste sentido, José González subliñou a relevancia destes datos e o bo comportamento e dinamismo do mercado laboral e recoñeceu a contribución das persoas traballadoras e das empresas a esta evolución. Ademais, destacou que o Goberno galego continúa aplicando as medidas que permitan a consolidación dun mercado laboral dinámico, inclusivo e que xera emprego de calidade.