- José González subliñou que o cooperativismo representa unha peza fundamental no tecido socioeconómico galego, con máis de 3.500 millóns de euros de facturación en 2024, o 5,1% do PIB da Comunidade, e empregando a máis de 78.000 persoas
- Lembrou que a Xunta está a desenvolver a Estratexia Galega de Economía Social con horizonte 2027, coa que aspira a crear 4.000 novos empregos e 400 entidades, promovendo o cooperativismo en sectores como o tecnolóxico, o verde e o industrial
- O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou en Ourense a sede do Grupo Coren, a maior cooperativa agroalimentaria de España e a novena de Europa
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou esta mañá a sede de Grupo Coren, onde puxo en valor a traxectoria de máis de 60 anos desta cooperativa agroalimentaria cárnica, que conta con máis de 4.000 socios e xera 3.500 postos de traballo, e salientou o poder do cooperativismo como fórmula eficaz para xerar riqueza e emprego no rural, cunha clara capacidade de innovación e internacionalización.
A visita tivo lugar coincidindo coa celebración esta semana do Día Internacional das Cooperativas (5 de xullo) e coa declaración por parte da ONU do 2025 como Ano Internacional das Cooperativas, baixo o lema As cooperativas constrúen un mundo mellor. José González subliñou que o cooperativismo representa unha peza fundamental no tecido socioeconómico galego, con máis de 3.500 millóns de euros de facturación en 2024 —o 5,1% do PIB da Comunidade— e empregando a máis de 78.000 persoas, entre persoas socias e asalariadas. Ademais, nos últimos dez anos constituíronse arredor de 1.000 novas cooperativas, un dato que reflicte a vitalidade e capacidade de adaptación desta fórmula para dar resposta aos retos actuais da sociedade.
Neste contexto, o conselleiro puxo en valor o papel económico e social clave que desempeñan estas fórmulas de negocio en Galicia, especialmente no ámbito rural. Destacou que este modelo empresarial contribúe a fixar poboación, xerar emprego de calidade, impulsar a formación e modernizar os sectores produtivos.
Para consolidar este avance, lembrou que a Xunta está a desenvolver a Estratexia Galega de Economía Social con horizonte 2027, coa que aspira a crear 4.000 novos empregos e 400 entidades, promovendo o cooperativismo en sectores estratéxicos como o tecnolóxico, o verde e o industrial. Tamén incidiu na importancia de recoñecer o papel transformador das cooperativas na xeración de riqueza a partir dos recursos locais.
Neste sentido, sinalou que un dos obxectivos prioritarios do Goberno galego para este ano é a aprobación da nova Lei de Cooperativas de Galicia. O anteproxecto da norma xa está en redacción, coa intención de iniciar canto antes a súa tramitación. O obxectivo: adaptar a lexislación ás novas realidades, favorecer a creación de novas cooperativas e reforzar o tecido existente.